Unha figura de bronce lembra dende hoxe a Domingo Villar na Alameda de Vigo

Categoría: Nova

Hoxe Vigo rende homenaxe a Domingo Villar, unha das voces máis queridas da nosa literatura, coa inauguración dunha estatua na Alameda. A escultura, obra de Pedro Dobao, convida a sentar a carón do escritor e a compartir con el ese Vigo literario que soubo retratar coma ninguén.

En Editorial Galaxia sentimos un inmenso orgullo de publicar toda a súa obra, libros que seguen a conquistar lectoras e lectores dentro e fóra das nosas fronteiras. Domingo Villar deixounos demasiado cedo, pero as súas historias, as súas palabras e o seu amor por Galicia permanecen con nós para sempre.

Domingo Villar (Vigo, 1971 – 2022) Coa súa primeira novela, Ollos de auga (2006) iniciou a serie protagonizada polo inspector Leo Caldas. A segunda, A praia dos afogados (2009), supuxo a súa consagración no panorama internacional da novela negra con traducións en todo o mundo. Coas súas obras obtivo o Premio Frei Martín Sarmiento, o Premio Losada Diéguez e o do Libro do Ano da Federación de Libreiros de Galicia, ademais dos premios Sintagma e Brigada 21. Foi finalista dos Crime Thriller Awards e Dagger International en Reino Unido, do Premio Le Point du Polar Européen en Francia e do Premio da Academia Sueca de Novela Negra. En 2019 publicou O último barco. En 2021, viu a luz Algúns contos completos, un canto á amizade e reunións con amigos, fermosamente acompañado polos linogravados do artista Carlos Baonza. O libro Síbaris, foi unha obra de teatro publicada de maneira póstuma, en 2023, e levada aos escenarios por Lois Blanco, cun elenco formado por Carlos Blanco, Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novóa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email