Prosa estilizada e sensible nalgunhas das pezas máis significativas da narrativa galega.
Varios dos relatos que fan de Castelao un mestre da prosa galega moderna atópanse nestes Retrincos, anacos autobiográficos convertidos en contos tan sinxelos como ben construídos. A noveliña Un ollo de vidro foi o primeiro traballo de ficción narrativa publicado polo autor, e achégase a unha sorte de expresionismo arraigado no popular.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista. Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.
En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.