Colección de 50 estampas de Castelao que primeiro circulou como exposición e en 1931 foi editada nun álbum.
A colección recóllese nun álbum editado a iniciativa dun grupo de amigos de Castelao e sufragado por estes, nos prelos da 'Casa Hauser y Menet' de Madrid. No prólogo do álbum, onde afirma que a obra foi composta entre os anos 16 e 18, explicita o senso que lle dera ao seu traballo e esboza unha xustificación da estética que o inspirara. Os temas que aparecen tocados en Nós son as lacras sociais da Galicia daquel tempo.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista. Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos.
En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.