Os textos máis vangardistas de Xosé Neira Vilas

Categoría: Uncategorized, Nova

Editorial Galaxia publica, na súa Biblioteca Neira VilasO home de pau, unha obra que amosa os textos máis vangardistas do autor de Gres.

En 1988, Xosé Neira Vilas, daquela xefe de redacción de Zunzún, a revista infantil publicada en Cuba, deu cabo aos quince contos de O home de pau, escritos ao longo de 1988, e anos máis tarde reescritos en Galicia, que conforman un conxunto de “historias urbanas —un algo experimentais—, coas que tento achegarme mediante alegorías a algunhas das eivas crónicas que padecen as cidades deste noso tempo”, onde reflexiona, cunha prosa sucinta, limpa e depurada, sobre o previsible destino das cidades actuais e das xentes que nelas moran, nuns espazos concibidos como labirintos en que viven “homes de pau”.

Esta obra súmase a todas as publicacións que forman a colección Biblioteca Neira Vilas, capitaneada polo bestseller galego Memorias dun neno labrego, destacan publicacións como Cartas a Lelo (2011); Querido Tomás (2011); Xente no rodicio (2012); Esperando o leiteiro (2012); Lar, Nai, Pan (2014); Romaría de Historias (2015); Aqueles anos do Moncho (2016); De Gres a Cádiz (2018); Co pai (2019); Remuíño de sombras (2021); Camiño bretemoso (2021); Tempo novo (2022); A muller de Ferro (2022); Chegan forasteiros (2023); Historias de emigrantes (2023); ou Galegos no Golfo de México (2023).

Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra estiveron marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir naceu Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.

Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email