En 1988, Xosé Neira Vilas, daquela xefe de redacción de Zunzún, a revista infantil publicada en Cuba, deu cabo aos quince contos de O home de pau, escritos ao longo de 1988, e anos máis tarde reescritos en Galicia, que conforman un conxunto de “historias urbanas —un algo experimentais—, coas que tento achegarme mediante alegorías a algunhas das eivas crónicas que padecen as cidades deste noso tempo”, onde reflexiona, cunha prosa sucinta, limpa e depurada, sobre o previsible destino das cidades actuais e das xentes que nelas moran, nuns espazos concibidos como labirintos en que viven “homes de pau”.
Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.