En 1938-39 Castelao visitou Cuba como representante do Goberno da República española na procura de axuda; volveu en 1945, desde México, onde asistiu á reunión das Cortes republicanas. Nas dúas ocasións mantivo unha intensa actividade coa comunidade galega alí emigrada, entrevistouse con personalidades, ofreceu discursos e conferencias, realizou exposicións das súas obras e acadou un grande apoio para a causa republicana.
Xosé Neira Vilas fai neste libro recompilación da presenza de Castelao na illa caribeña, tras anos de pescudas en hemerotecas e entrevistando testemuñas das visitas, onde se nos ofrece un magnífico retrato da gran personalidade de Castelao, como político, escritor e artista.

Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.