Neira Vilas é un pintor nato, un home que en Historias de emigrantes fai, desde A Habana, notables retratos e describe paisaxes dun Buenos Aires que sempre está presente nas súas historias, tanto como na súa vida, iluminando escenas de costumes que teñen que ver cos galegos emigrados e os lugares polos que transitan.
Unha vida de emigrantes, coma a súa.
Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.