Presentación de “Mar branco”, en Vigo

Categoría: Nova

O venres 24 de maio, celebrarase, ás 20 h, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de Mar branco. Crónicas de Rusia e Europa Oriental, de Brais Suárez.

Acompañando o autor, estará Xosé María Álvarez Cáccamo, autor do limiar, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Publicado na colección Reportaxe, esta obra é un percorrido, en tren e autostop, que obedece á fascinación estética que a arquitectura brutalista e as paisaxes xeadas suscitan nun xornalista que prefire ser escritor.

Moscova é o centro dun remuíño de crónicas que van dos Balcáns ao Báltico, dun Kíiv enfermo a un San Petersburgo concupiscente e das chairas árticas á tropical Crimea, pasando por retiros ortodoxos e cidades remotas. Polo camiño, da man da literatura e novos personaxes, Rusia desprega a súa cultura, gastronomía e carácter. Pero tras a liberdade eufórica e inconsciente das primeiras viaxes, ábrese paso unha visión máis madura, co sabor da emigración e o fedor do nacionalismo e da guerra, que revela as tebras do país e pon final ao libro.

Brais Suárez González (1991) é xornalista. Nado en Vigo, emigrou de Galicia aos 22 anos para vivir, viaxar e aprender en distintos países, especialmente de Europa Oriental e Rusia.

Este é o seu primeiro libro, onde recolle algunhas desas experiencias e aprendizaxes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email