Naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia. Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos. A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.
Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra. Premio da Cultura Galega 2018 na modalidade de letras.