Galaxia estará na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

Mañá, venres 23 de xuño, comezará a Feira do Libro de Vigo, a oitava nesta nova edición, que estará aberta ata o domingo 29 de xuño. Celebrarase na Peonil do Calvario.

Editorial Galaxia estará presente cunha programación para todos os públicos:

Venres 23, ás 18:30 h. Presentación de Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez. Acompañando o autor, estarán Sergio Álvarez “O Gato”, ex porteiro do Celta de Vigo, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Un libro que estuda minuciosamente a figura do xornalista, árbitro de fútbol, seleccionador nacional e galego, e dirixente federativo: Manuel de Castro González, Handicap (Vigo, 1885-1944). Un dos primeiros periodistas deportivos de fama nacional, cronista nas olimpíadas (Antuerpen, París e Ámsterdam) e un dos artífices do nacemento en 1923 do Real Club Celta de Vigo, tras a fusión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo.

Sábado 24 de xuño, ás 13 h. Presentación de Receitas para encher o peitode Xoanqui Ameixeiras. Acompañando o autor, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Unha invitación a non esquecer os sabores da infancia, nin aqueles pratos que xuntaban a toda a familia arredor dunha mesa. Este libro defende o produto galego, e recende a afumados, a caldeirada, a mar e campo.

Domingo 25 de xuño, ás 17:30 h. Presentación de A batalla de Rande, de David Braña, ilustrado por Pablo Prado.

Os autores dan forma, da maneira máis orixinal, a unha batalla mítica, que xa forma parte do imaxinario persoal e colectivo de todas e todos os galegos. A través dunha investigación previa e documentación minuciosa, o dúo Braña e Prado conseguen trasmitir, con todo luxo de detalles, un dos feitos históricos máis relevantes da historia naval galega.

Martes 27 de xuño, ás 17 h. Espectáculo musical con Pakolas arredor de A Ramona pequena vai á lúa.

Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!

O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos.

Mércores 28 de xuño, ás 17:30 h. Sinatura con Inma López Silva arredor de Escola de mulleres, na caseta da libraría Nobel.

Esta novela fala sobre a fuxida. A súa protagonista, Gloria, unha profesora de Literatura Francesa na Universidade de Santiago de Compostela, foxe da dor, da perda, dunha realidade incerta, ancorada na opresión das convencións sociais.

Ás 18 h. Presentación e contacontos arredor de Laura e a randeeira espacial, de Rocío Ovalle.

Laura é unha nena forte e curiosa que quere ser astronauta, e ten unha randeeira coa que cada quen chega tan alto como é capaz de soñar.

Vémonos na feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email