Hoxe celebramos a chegada do verán e tamén o Día Europeo da Música; organizado pola Unión Europea dende 1982 co obxectivo de promocionar a música mediante todas as súas vertentes. E que mellor forma de celebralo que viaxando a través de fabulosos títulos como os que vos recomendamos a continuación?
Para conmemorar a efeméride, dende a Editorial Galaxia queremos poñer o foco nas obras para a cativada. A música é fundamental para o aprendizaxe, o lecer e a felicidade, proba disto son algúns dos seguintes álbums:
Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco, ilustrado por Sonia García. Un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Esta proposta é unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas.
Sensibilidade e cor, son os elementos que caracterizan un traballo ateigado de valores, que convida ás lectoras e lectores a desfrutalo soas ou en compañía. Este álbum está pensado para que as nais e pais o compartan coa cativada, accedendo á fabulosa música de Magín Blanco a través dun QR que contén no interior.
A Ramona pequena vai á lúa, de Pakolas, ilustrado por Laura Romero. Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos. A ilustradora, licenciada en Belas Artes na Universidad de Salamanca, participou en todo o proceso creativo desta peculiar personaxe e as súas aventuras.
Cambia o conto, de Música miúda, ilustrado por Xosé Tomás. Esta proposta mestura o máis puro ritmo musical coa poesía visual do ilustrador Xosé Tomás, reinventando personaxes e contos tradicionais, para rachar cos estereotipos de xénero.
Deseñadas e soñadas a toda cor, estas obras están ateigadas de maxia e fantasía.
A miña lingua, a túa lingua, de Oviravai, ilustrado por David Ouro. É un proxecto multidisciplinar dirixido ao público familiar, especialmente centrado nos nenos e nenas con idades comprendidas entre os seis e os once anos. OVIRAVAI busca que a lingua galega ocupe o tempo de lecer destes nenos ao tempo que acceden ao coñecemento do inglés dende a lingua galega. O grupo, está formado por artistas de longuísima traxectoria na música galega para pequenos e pequenas.
A través dun espectáculo dinámico, interactivo e divertido, cheo de cancións doadas de lembrar, moi do agrado dos nenos e nenas, o grupo busca que a cativada saia cantando en galego e en inglés do auditorio.
Celebramos este día, cantando e bailando, coa mellor música do país.