Reuníronse hoxe, no Concello da Estrada, os membros do xurado seleccionado para escoller a novela gañadora desta XXXV edición do Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades)”, cos compoñentes Patricia Arias Chachero, Iria Collazo, Marcos Calveiro, Armando Requeixo e Carlos Loureiro.
Unha vez lidos os orixinais presentados, e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, o xurado acordou, por maioría concecer o XXXV Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Alberte Quiñoi”, que unha vez aberta a plica correspóndese á obra “Entomoloxía para misioneiros” da autoría de Fernando Castro Paredes.
O xurado destacou nesta novela a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de occidente e oriente. Escrita cunha arquitectura moi elaborada que inclúe apístolas, informes e outras modulacións do discurso, “Entomoloxía para misioneiros” ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz.
Fernando Castro Paredes naceu en Tapia de Casariego (Asturias) en 1975. Exerce coma profesor de ensino secundario. Traballa no eido do teatro escolar e afeccionado, sendo un dos coordinadores da agrupación escolar Tuéjele Teatro, do IES Fernando Blanco de Cee, e membro do grupo Farándula Velutina, cos que desenvolve actividades por toda a xeografía galega. Cultiva todos os xéneros literarios, especialmente o teatro. Como dramaturgo, formouse nos talleres do Centro Latinoamericano de Creación e Investigación Teatral e recibiu recoñecementos como o Premio Rafael Dieste, o Premio Álvaro Cunqueiro e o Premio Roberto Vidal Bolaño, entre outros.
Na Editorial Galaxia, publicou obras para público adolescente como A derradeira bala, e a recente Miss Antropía, pertencentes á colección Costa Oeste; ou a obra teatral Papiroflexia.