Agosto é ese tempo no que as lecturas nos invitan a deternos, pensar e descubrir novos mundos. Reunimos cinco propostas que percorren camiños moi distintos (a ciencia, o amor, o pensamento, a fantasía ou a alimentación), para seguir facendo do verán unha oportunidade para aprender, emocionarse e sorprenderse.
Para quen nunca deixou de facer preguntas
Cerebro en modo ON, de Sonia Villapol
Como nacen as emocións? Que é a memoria? Por que soñamos? Como podemos coidar o cerebro? Sonia Villapol achéganos á neurociencia cunha linguaxe clara e accesible para explicar á cativada e á mocidade como funciona un dos órganos máis fascinantes do corpo humano e por que cada experiencia contribúe a moldealo.
Para quen sabe que amar tamén é aprender
Lovers, de Alberto Avendaño e María Xosé Porteiro
Amor, desamor, tensión, paixón, encontros e desencontros conviven nesta historia que percorre cidades como Vigo, Santiago de Compostela, Amsterdam, Buenos Aires, Nova York, Milán, Londres ou Washington. Unha viaxe polas emocións, chea de humor e de reflexións sobre as relacións humanas.
Para quen non se conforma con respostas fáciles
O amor, o odio e a ignorancia, de Manuel Fernández Blanco
A través dun diálogo con Carlos Callón, o psicanalista Manuel Fernández Blanco reflexiona sobre algúns dos grandes desafíos do noso tempo. Da cultura á política, da música á literatura, cada conversa convértese nun punto de partida para pensar os malestares o noso tempo desde unha perspectiva próxima e rigorosa.
Para quen cre que os misterios tamén poden cambiar a historia
Místicas, de Álvaro Domínguez
Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2026, esta novela trasládanos a 1934, cando unha estudante rompe as barreiras dunha institución reservada aos homes. Un asasinato, unha moura, a maxia e os prexuízos entrelázanse nunha historia onde o misterio convive coa loita contra a misoxinia.
Para quen sabe que detrás de cada prato hai unha historia
Por que comemos?, de Xosé Cermeño
Comer é unha necesidade, pero tamén un pracer e unha forma de compartir. Este libro propón unha viaxe para descubrir que a alimentación vai moito máis alá dos sabores e que cada prato fala da nosa cultura, das relacións humanas e da maneira en que entendemos o mundo.
Cinco lecturas para seguir descubrindo, aprendendo e gozando da lectura tamén en agosto.