Xosé María Álvarez Cáccamo reúne en Miniaturas e outras dimensións unha colección de relatos construída arredor de dúas formas narrativas diferentes, que dialogan e contrastan entre si.
O libro organízase en dous apartados. Por unha banda, as Miniaturas, textos de formato reducido nos que o tempo aparece comprimido e se expande a través da reinterpretación de motivos míticos e históricos. Este procedemento guía varias das narracións e permite volver sobre historias coñecidas desde novas perspectivas, como a dun teimoso dinosauro que se resiste a desaparecer.
Fronte á brevidade destas pezas, os relatos incluídos en Outras dimensións presentan unha maior extensión e avanzan por territorios marcados pola lóxica dos soños. A súa orixe atópase en pesadelos reincidentes sufridos polo propio autor, transformados aquí en materia literaria.
O título desta segunda parte fai referencia, polo tanto, tanto á dimensión máis extensa das narracións como á perspectiva onírica que as conduce. Nelas aparecen angustias provocadas por situacións recorrentes, como a impuntualidade incontrolable —un hábito que o autor non practica, mais que sofre nos seus soños— ou a obriga de regresar ás aulas: á universidade como estudante ou ao instituto como profesor, mesmo en pleno e satisfactorio estado de xubilación.
Xosé María Álvarez Cáccamo naceu en Vigo en 1950. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e dende 1973 exerceu de profesor de Literatura en varios institutos de Galicia. Destaca como poeta, aínda que tamén publicou relatos breves, algunha peza teatral e textos para o público infantil. Como ensaísta centrouse na poesía galega da segunda metade do século XX, con estudos como Vida de Antón Avilés de Taramancos. A comezos do 2006 publica en Galaxia as súas memoria baixo o título de Memoria de poeta.
Da súa obra lírica destacan os poemarios Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia 1998. Formou parte dos consellos de redacción dos suplementos Galicia Literaria de Diario 16 de Galicia e Faro das Letras de Faro de Vigo. Foi membro do Foro da Cultura e na actualidade forma parte do consello de redacción da revista Grial e do colectivo Burla Negra. Premio da Cultura Galega 2018 na modalidade de letras.