Os nomeamentos de Marcos Calveiro, como director, e de Tamara Andrés, como directora de edicións, e o traslado das oficinas á sede da rúa Travesía de Vigo, foron tres fitos a salientar neste periodo de xaneiro a xuño de 2026.
Presentacións, actividades en centros de ensino, funcións de letras galegas, exposicións, actos en feiras do libro, premios e outros eventos, superaron a cifra de 350.
Editorial Galaxia reúne máis de 25.000 persoas nas súas actividades durante o primeiro semestre de 2026. A editorial desenvolveu un total que supera as 350 actividades culturais e educativas entre xaneiro e xuño de 2026. Presentacións de libros, encontros con autoras e autores, exposicións, funcións, feiras do libro, presentacións en librarías e iniciativas en centros de ensino conformaron unha programación continuada en diferentes puntos de todo o territorio galego.

Entre as iniciativas a destacar, salientamos no mes de xaneiro a exposición “Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia”, comisariada por Xurxo Martínez e con deseño de Hayat Husein no Museo MARCO de Vigo. Como colofón aos actos do 75 aniversario de Galaxia, esta mostra permitiu percorrer a historia visual da editorial a través dunha selección das súas cubertas. Ao igual que a peza de monicreques de Tanxarina, “A biblioteca galáctica contra a IA fantástica“, gañadora dun Premio María Casares, que contribuiu a esta celebración con actuacións neste 2026 ou a presentación no mes de abril de toda a colección da Biblioteca 75 anos, acto no que se lle rendeu unha homenaxe a María do Carmen Krukenberg no seu centenario.

Presentacións singulares como a do libro “Asasinato no muíño do cura”, de Arantza Portabales, realizada na praia de Loira onde ten lugar a acción desta novela negra ou a dos cinco audiolibros editados neste 2026 realizada en colaboración coa ONCE, na sede do seu centro de recursos educativos de Pontevedra, son exemplos dunha multitude de presentacións que concitan unha parte moi significativa da labor de divulgación dos libros do catálogo da editorial, que neste primeiro semestre aproxímanse aos 50 títulos.

Unha das actividades máis concorridas foi a función “Chaves invisibles” de Vero Rilo e Luis Iglesias, dedicada á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026, que reuniu a preto de 4.000 persoas en sesións por toda Galicia. Moitas outras actividades tiveron relación con Begoña Caamaño, como a sentida presentación da súa biografía en Santiago de Compostela “Volveredes brindar por min” de María Xesús Nogueira e Ana Romaní, ou a exposición exterior no barrio do Calvario de Vigo, onde Begoña Caamaño naceu e viviu os seus primeiros anos e baseada no libro “A nena que perdeu un zapato na lama”, de Ramón Nicolás, con ilustracións de Carlos Gallego.

O Ano Oteriano 2026 levou á Galaxia a darlle un novo pulo ás publicacións do que fora o primeiro presidente da editorial, Ramón Otero Pedrayo. Así como a exposición que se inaugurou na Fundación Penzol de Vigo ou a colaboración nun proxecto co Consello da Cultura Galega da utilización da intelixencia artificial nun bot sobre o chamado patriarca das letras galegas, no que se pode manter unha conversa, e é accesible a toda cidadanía.
A actividade nos centros de ensino é continua no curso académico, con 49 presentacións coa participación directa de autores e autoras, e máis de 20 funcións das letras galegas, entre outras iniciativas nestes espazos.

É importante citar algúns dos premios acadados nesta primeira parte do ano, destacando a concesión do Premio Nacional da Crítica Española de narrativa en lingua galega a “O lanzador de coitelos” de Fernando Castro Paredes, a novela gañadora do Premio Galaxia do 75 aniversario. O Antón Losada Diéguez para “Son coma glaciares os barcos de aceiro” de Cynthia Menéndez na modalidade de novela e na de ensaio á obra “As tolas que non o eran” de Carmen V. Valiña. E, desde logo, o Premio García Barros outorgado a Iria Collazo por “A muller de mentira”.

Tres fitos importantes na historia da editorial sucedéronse na primeira parte do ano: os nomeamentos de Marcos Calveiro, como director, e de Tamara Andrés, como directora de edicións, e o traslado das oficinas á sede de Vigo no baixo da rúa de Travesía de Vigo 71, no mesmo edificio do seu centro loxístico, onde acubilla un almacén que distribúe a todo o territorio galego.
O balance do primeiro semestre amosa a diversidade da programación promovida por Editorial Galaxia e a presenza dos seus libros e autorías en espazos culturais, educativos e literarios de toda Galicia.