9 obras de Galaxia son finalistas nos Premios Follas Novas

Categoría: Nova

Os prestixiosos Premios Follas Novas do Libro Galego completan a súa segunda fase de selección escollendo 9 títulos da Editorial Galaxia, entre os seus finalistas.

Na categoría de Ensaio e investigación, resultou escollida a obra De Galicia a Mauthausen, de Alba Garrido, unha proposta que procura dar luz sobre as orixes, contextos, traxectorias vitais e experiencias daqueles galegos que remataron nos campos de exterminio da Alemaña nazi.

En Divulgación, Historia do fútbol feminino en Galicia. De Irene González a Vero Boquete, de Héctor Pena, nesta obra o autor repasa a historia futbolística, desde os tempos de González, ata a actualidade, na que a xeración de ouro das Vero Boquete, Mari Paz Vilas e compañía comezan a abrir paso a unha nova fornada de talentos.

Na categoría Narrativa, foi seleccionada a gañadora do I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello, unha novela múltiple que, coma unha matrioska, contén outras novelas que van dende unha de formación a outra psicolóxica, pasando mesmo por unha policial. 

Daniel no peirao, de Paula Carballeira, ilustrado por Eli García, foi seleccionada na sección Infantil, a primeira peza teatral sobre a vida do intelectual de Rianxo.

O paso do Noroeste, de Xavier Queipo e Primitivo Marcos, foi seleccionado na categoría de Premio ao Libro de Banda Deseñada, Gráfico e Humor; a épica travesía do navío L’Épée dende Brest a badía do Hudson narrada coa mestría dos clásicos por Xavier Queipo en O paso do Noroeste, Premio García Barros, 1996, agora adaptada ao cómic polo debuxante Primitivo Marcos.

A tradución de María Alonso Seisdedos, en Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo, unha denuncia da inxustiza, a represión e a falsidade e contra o “terrorismo de Estado”, foi seleccionada na categoría de Tradución. 

O poemario de Silvia PenasRetratos de vodas, partos e funeirais, foi destacado na sección de Poesía, uns retratos rodeados de marcos ofrecen declaradamente un segmento para a fuxida.

No ámbito Teatro, foron seleccionadas Daniel no peirao, de Paula Carballeira; Perder (2016-2021)de Roberto Salgueiro, escolla de textos dunha nova etapa da súa dramaturxia; e Síbaris, de Domingo Villar, unha reflexión aguda, cómica, ás veces despiadada mais sempre lúcida, arredor da literatura e todo o que a rodea.

Na seguinte fase dos premios, anunciaranse as tres obras finalistas por categoría. As obras gañadoras daranse a coñecer na gala que todos os anos pon o ramo a este proceso e que terá lugar no Teatro Principal de Santiago o 11 de maio de 2024. Estes premios, que valoran e recoñecen o traballo de todos os sectores do mundo do libro, están organizados co patrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Deputación da Coruña e CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos).

Comparte nas túas redes sociais ou por email