A publicidade dunha marca de brandy insistía hai varias décadas en que o fútbol era “cousa de homes”. Mentira! A relación da muller co deporte rei comeza milenios antes da súa estandarización por parte dos ingleses en 1863, resistindo heroicamente desde aquela a todos os intentos de afastalas da súa práctica.
En Historia do fútbol feminino en Galicia repásase todo ese traxecto de resiliencia e sororidade, con especial énfase na súa historia en Galicia, desde os tempos da pioneira, Irene González, ata a actualidade, en que a xeración de ouro das Vero Boquete, Mari Paz Vilas e compañía comeza a deixar paso a unha nova fornada de talentos, narrado cun estilo ameno, pero rigoroso, que se combina con entrevistas ás protagonistas e outras colaboracións de primeiro nivel.
(Compostela, 1985) é xornalista, historiador e doutorando en Turismo Deportivo na UVigo. Gañou o Premio Johán Carballeira de Xornalismo (2023) pola súa “Historia inacabada do deporte galego”, publicada en Nós Diario, onde é o responsable da sección de Deportes. Antes escribiu e colaborou en DXT Campeón, O Dez e Xornal de Galicia. En 2021 comisariou a exposición de Vía Galega Galiza, un pobo, unha selección, á vez que elaborou o guión do documental e dirixiu a revista e o xornal homónimos. Tamén escribiu os libros Historia del Trofeo Teresa Herrera (2015), Os nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo (2017) e A pioneira (2023).