Comeza a debuxar banda deseñada nos anos 90 para a revista LVCVS, da Deputación Provincial de Lugo. Con episodios de corte histórico e factura clásica, achegouse en viñetas á vida do marqués de Sargadelos, María Castaña, Almanzor e o mariscal Pardo de Cela, entre outros.
Debuxante e guionista da serie Aventura no Camiño de Santiago (Premio Ourense de Banda Deseñada, 2000), foi colaborador asiduo das revistas Golfiño e Galimatías dando vida a “Os Fdez.”, Publicou recentemente Viveiro 1810, augas mortais, onde se achega á catástrofe marítima sufrida pola fragata Magdalena e o bergantín Palomo.
O seu labor como debuxante de banda deseñada compleméntase con traballos como ilustrador, retratista, colaborador de programas de televisión e de prensa e deseñador de carteis, entre outros, ademais dunha chea de exposicións individuais e colectivas.