Presentación da “Antoloxía poética”, de Enrique Labarta, en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O martes 16 de abril, celebrarase, ás 19 h, no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a presentación da Antoloxía poética, de Enrique Labarta, en edición de Xosé María rey Lema e Xosé Manuel Varela.

Acompañando os editores, participarán Manuel Vilar Álvarez, presidente do Museo do Pobo Galego; Jorge Mira Pérez, voceiro da Comisión Letras Galegas para Labarta Pose; Manuel Muíño Espasandín, alcalde do Concello de Zas; e Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia.

Enrique Labarta Pose cultivou todos os xéneros literarios e destacou como xornalista a finais do século XIX nas cidades de Santiago e Pontevedra.

Nesta Antoloxía poética, publicada na colección Letras Galegas Clásicos, recóllense corenta poemas en lingua galega publicados tanto en libro como en prensa, e moitos deles acadaron premio en distintos certames literarios da época.

Como afirman no limiar do libro, Labarta foi catalogado sempre, tanto en vida como posteriormente, como  un poeta humorístico. Un humorismo inherente á obra labartiana. O autor utiliza o humor e a sátira para criticar e denunciar condutas ou actos inapropiados, inxustizas, desprezos… Facía súa a máxima de ensinar divertindo.
 
Botando man dunha pluralidade de voces poéticas, Enrique Labarta legounos un conxunto de textos que son espello dunha temática variada que parte da liña intimista e navega polas procelosas augas do humor satírico e a denuncia de corte social.
 
Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 1863Barcelona, 1925). Escritor, xornalista, avogado e funcionario de Facenda, en Compostela formou parte activa do movemento rexionalista liderado por Alfredo Brañas, fundou as revistas Galicia Humorística, La Pequeña PatriaExtracto de LiteraturaPasatiempos, Galicia Moderna e o xornal El País Gallego, e colaborou tanto na prensa da Península como na da emigración americana. En poesía, publicou Bálsamo de Fierabrás (1889)Millo miúdo (1896) e Adormideras (1902). Como obras teatrais, o “apropósito” El Carnaval en Pontevedra (1900) e o sainete Unha boa misa (1905). Deste mesmo ano son as narracións Cuentos humorísticos. Foi pioneiro en España na inclusión da fotografía nos medios xornalísticos e introdutor do fonógrafo en Galicia.
Académico correspondente da Real Academia Galega, faleceu traxicamente como consecuencia das feridas sufridas nun accidente ferroviario en Les Planes (Barcelona).

Comparte nas túas redes sociais ou por email