Editorial Galaxia participa na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia

Categoría: Nova, Blog

Hoxe comeza a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, que celebra a súa 61ª edición. Celebrarase dende o día 8 ata o 11 de abril. 

Editorial Galaxia participa na mesma, no stand da Asociación Galega de Editoras (AGE) (Pavillón 29, D2, E1), dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España. 

Baixo o lema Galician Books, a AGE publica un catálogo de venda de dereitos que inclúe unha selección de 70 títulos, entre os que destacan 15 da Editorial Galaxia.

Representando a Editorial Galaxia, asisten Hayat Husein, responsable do Departamento de Deseño, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos.

A BBF, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil. Con Eslovenia como país convidado de honra, a feira inaugura unha nova década con iniciativas destinadas a ampliar a presenza do libro nos mercados emerxentes e minoritarios. 

O espazo da Asociación Galega de Editoras acollerá nun lugar destacado unha selección de títulos de Fina Casalderrey, a autora galega de LIX candidata ao Astrid Lindgren Memorial Award 2024. 

A Feira Internacional do libro de Boloña consolidouse como referente do mundo editorial infantil e xuvenil. Cada primavera, editoriais, autoría, ilustradoras e ilustradores, axentes, empresas… acoden á cidade italiana para comprar e vender dereitos, establecer novos contactos ou consolidar relacións profesionais, explorar e desenvolver novas oportunidades de negocio e observar as últimas tendencias en LIX.

Comparte nas túas redes sociais ou por email