Os poemarios O tempo dos lagartos, de Carlos Negro e Raquel Senra; e Retratos de vodas, partos e funerais, de Silvia Penas están nominados a mellor poesía de Galicia 2023 no festival aRi[t]mar.
Sopras un dente de león cos labios moi xuntos, pertencente ao libro O tempo dos lagartos. Un libro alfaia, un libro obxecto, onde forma e fondo van da man, como o fan os textos de Carlos Negro coas Ilustracións de Raquel Senra conformando unha simbiose perfecta nunha coidadísima edición. O poeta constrúe a través dos seus versos un relato e indagación da adolescencia, ese tempo de clausura da infancia e expectativa da madurez, ese tempo de conflitos e malas palabras que ás veces conforma unha espiral da que somo incapaces de saír.
Pertencente a Retratos de vodas, partos e funerais, o poema Canto segundo para un fillo nado. A poeta ofrece un retrato persoal, no que destaca a fuxida. Unha poesía marcada pola sororidade, na que a voz poética é quen de mirarse noutras mulleres, que esparexen a memoria e o herdo, a beleza e a escuridade da ferida.
Este sábado 20 de abril, ás 21:30 h, darase a coñecer, durante a Gala aRi[t]mar, o poema gañador no Auditorio do Espazo Vita, en Braga.
Os premios aRi[t]mar están convocados pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e son unha iniciativa que busca dar a coñecer e difundir a poesía e a música de Galicia e Portugal tendendo pontes.
Podedes ler os poemas finalistas premendo aquí. Podedes votar o voso favorito premendo aquí!