Os Premios Follas Novas do Libro Galego 2025 celebran a súa décima edición destacando, na súa primeira selección, 12 títulos de Galaxia, en diferentes categorías.
Entre as obras seleccionadas de Galaxia, destacan:
Na categoría de Ensaio e investigación, Os inmigrantes imaxinados. A identidade galega na Arxentina (1780-1960), de Xosé M. Núñez Seixas. Este libro aborda a historia sociocultural da colectividade galega na Arxentina, a máis importante de América, entre finais do século XVIII e mediados do XX, e analiza a conformación da súa identidade colectiva en relación coas imaxes que sobre os inmigrantes circulaban naquela sociedade, na esfera pública e literaria, entre os séculos XIX e XX, o peso dos estereotipos negativos e a súa evolución, a competencia e complicidade con outras colectividades, nomeadamente a italiana, e o papel das elites galegas no fomento de imaxes alternativas do bo inmigrante.
En Divulgación, foi seleccionado o libro As benfaladas, de María Xosé Porteiro. Publicado na colección Feminismos de Editorial Galaxia, reflexiónase sobre esta circunstancia e propóñense alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativa e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino á sociedade, entendido como necesidade perentoria para combater a violencia simbólica que padece.
Na mesma sección, Galaicofobia, de Alexandre Peres Vigo, tamén resultou finalista. Nesta viaxe no tempo descubrimos non só a orixe e evolución da galaicofobia, senón tamén unha serie de tópicos antigalegos, crueis e ridiculizadores, nacidos na Meseta castelá. Esta é, en definitiva, unha obra clara e sintética que dá resposta á eterna pregunta que boa parte da sociedade galega leva facéndose moito tempo: por que nos tratan así?
En Narrativa, resultou seleccionada Runrún, de Ana Varela. Amosa a historia de Uxía, unha xanela aos retallos dunha vida. Unha perspectiva na que prima a saúde mental, os coidados, a afectividade e as relacións sociais.
Tras a prematura morte dos seus pais, Aldara sofre un episodio psicótico, e a súa irmá, Uxía, faise cargo, soa, da situación. Apenas unhas horas que nos deixan ver os seus afectos, os escollidos e os que veñen dados, que por veces se volven caníbales, das circunstancias e dos prexuízos que nos atrapan, e de como todo pode virar nun momento, do fácil que é estar no outro lado do espello, iso que tanto tememos.
No ámbito de Literatura xuvenil, Fóra de campo, de Rosalía Fernández Rial, que xa recibiu o Premio Roberto Vidal Bolaño 2024, unha obra que enfoca o que fica alén do plano, ese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais; e Púrpura tero, de David Cortizo Conde, unha obra, ateigada de fantasía e aventura, acompañamos á súa protagonista Ausela. Esta rapaza pérdese na gran chaira deserta que cobre case totalmente Púrpura Tero, e busca acubillo nunha cova. Alí agarda a que a súa cuadrilla a atope, mentres non deixa de pensar no obxecto que viu caer desde o espazo.
Sandra Lodi foi seleccionada na categoría de Libro ilustrado, coa súa obra Papóns, que xa foi merecente do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2024, esta obra pon en valor o noso. Cóntase desde a nosa propia identidade, con mulleres que non posúen corpos normativos, pero que son reais. Por unha nena, Inés, que foxe das convencióna de nena actual, pero que conecta coa súa esencia.
Con este álbum, Sandra Lodi pon o seu grao de area na construción dunha identidade cultural forte, que nos define, e onde a nosa sociedade se poida ver representada cando o lea.
En Poesía foi distinguida Dakota, Premio Victoriano Taibo, de Masha Álvarez.Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.
A Premio Nacional Paula Carballeira volve a ser nomeada na categoría de Teatro pola súa obra Ubasute. Unha publicación que fai referencia no título ao termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá”, o presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado un parente vello ou enfermo. Existen referencias desa práctica na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba.
En palabras da propia autora, esta obra trata sobre “as diferentes maneiras que hai de deixar para sempre algo, alguén ou incluso de abandonarse a un ou a unha mesma. Tamén aborda a dificultade de apartar os recordos e o sentimento de culpabilidade, malia que se opte por cambiar de espazo como estratexia para distanciarse deles”.
No ámbito Libro mellor editado, destácase a obra de Fernando Fernández Rego, Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardismo, Underground. Este ensaio, ateigado de imaxes, analiza en profundidade o Atlantismo e a Movida. Aporta diferentes opinións e perspectivas que o tempo foi xerando sobre ela e invita a crear reflexións e debate arredor das mesmas.
As obras gañadoras serán anunciadas o 26 de abril de 2025 nunha gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Este evento será o broche final dun proceso que recoñece o mellor da creación literaria galega do último ano.