Esta mañá,durante o venres 17 de xaneiro de 2025, celebramos o acto de presentación do programa de actividades do LXXV aniversario de Editorial Galaxia (1950-2025), que, baixo o lema “Crear porvir”, tivo lugar, no hotel Ciudad de Vigo, Salón Vigo City Sky.
Na xuntanza, compartimos os detalles das accións e iniciativas que desenvolveremos ao longo do ano 2025. Contamos coa participación de persoas implicadas no proxecto, coas que celebraremos 75 anos de compromiso coa nosa cultura.
Xosé Soutullo, director de Editorial Galaxia, afirmou que con estas propostas: “iniciamos un ano que servirá para reforzar o noso compromiso co libro galego, coa nosa lingua e a nosa cultura, manténdonos fieis aos principios que en 1950 puxeron en pé este proxecto”. Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, aseverou que “permanecemos fieis aos principios fundacionais”.

Neste ano 2025, Editorial Galaxia conmemora 75 anos de historia ao servizo da lingua e da cultura galegas, un exercicio de resistencia e defensa do propio. Fundada o 25 de xullo de 1950, a editorial afronta esta efeméride baixo o lema “Crear porvir”, reafirmando o compromiso cos valores que a viron nacer e adaptándoos aos retos do século XXI. O programa conmemorativo, que inclúe máis de sesenta iniciativas ao longo de 2025, estrutúrase arredor de exposicións, foros de debate, premios literarios, producións audiovisuais e eventos dirixidos a todos os públicos.

Entre as propostas máis destacadas atópanse:
Foros GRIAL. Galicia 2050
Catro encontros en Santiago, A Coruña, Vigo e Pontevedra abordarán temas como economía, ciencia, comunicación e cultura, propoñendo perspectivas de futuro para Galicia no horizonte de 2050.

Premios Literarios:
– I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, para fomentar a creación e a lectura en galego, dotado con 6.000 €. Resolución: 2 de abril de 2025.
– Premio Galaxia de Novela 75 Anos, con 25.000 € de dotación, que se anunciará o 23 de abril, Día do Libro.
Exposicións Itinerantes:
– “Crear porvir 75º Aniversario Editorial Galaxia”. Comisariada por Henrique Monteagudo, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, percorre os 2 acontecementos literarios máis senlleiros da editorial e os seus protagonistas. Itinerará polas sete cidades.
– “Crear porvir. Os deseños de Galaxia”. Un percorrido pola evolución do deseño editorial desde 1950 ata a actualidade, comisariado por Xurxo Martínez. Datas: de outubro de 2025 a xaneiro de 2026 no MARCO de Vigo.
– “Espazos literarios e autores ourensáns en Editorial Galaxia 75 anos despois”. Centrada na influencia de figuras como Otero Pedrayo e Carlos Casares na historia de Galaxia. Itinerará por Ourense e vilas da provincia desde maio de 2025.

Documental “Galaxia 1950 – 2025”
Dirixido por Ana Viqueira e producido por Nós TV, este traballo recolle testemuñas e publicacións senlleiras da editorial. Presentarase en febreiro de 2025.
Biblioteca Galaxia 75
Unha escolma de 10 títulos históricos que marcaron un fito na cultura galega, recuperados para lectores do século XXI. Inclúe obras de figuras como Rosalía de Castro, Carlos Casares ou Castelao, ademais de publicacións senlleiras sobre gastronomía e tradición popular.
Actividades para a cativada
– Obra teatral “A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”.
Unha adaptación da novela de Carlos Labraña, cunha aposta pola defensa da imaxinación fronte á intelixencia artificial. Está prevista unha xira de 30 funcións en centros escolares entre marzo e decembro de 2025.
– “Unha Galaxia Viguesa”, de Marcos Calveiro. Un libro para escolares sobre a identidade de Vigo, en colaboración co Concello. Estará dispoñible a partir de abril.
Acto Central. Festa conmemorativa
O evento principal celebrarase o 6 de setembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, cidade onde comezou a historia de Galaxia en 1950.

Ano Castelao 2025
Reafírmase o compromiso coa figura de Castelao, cunha edición facsimilar das versións manuscritas de Os vellos non deben de namorarse e novas publicacións da súa obra.
Con este acto, inauguramos o ano no que homenaxearemos 75 anos creando porvir para a cultura galega.