Conferencia: “O Consello de Galiza, Goberno galego no exilio”, en Vigo

Categoría: Nova

O 22 de xaneiro de 2025, ás 19:30 h, no Salón de Actos da Casa Galega da Cultura, en Vigo, coincidindo co inicio das actividades do Ano Castelao, que conmemora o 75 aniversario da súa morte, ocorrida en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950, a Fundación Penzol organiza unha conferencia de Ramón Villares, titulada “O Consello de Galiza, Goberno galego no exilio”.

Ao tempo, no vestíbulo da súa sede, na Casa Galega da Cultura de Vigo, permanece instalada, ata o 30 de marzo, a exposición que realizou, en colaboración coa Cátedra Castelao da USC, co gallo dos oitenta anos da publicación de Sempre en Galiza e de constitución do Consello de Galiza.

“A fundación do Consello de Galiza tivo lugar en 1944 [15 de novembro]. Presentado publicamente na cidade de Montevideo, a súa xestación realizouse na cidade de Buenos Aires. […]

A aparición de Consello de Galiza representa, canda o ‘libro-río’ Sempre en Galiza, un punto culminante da traxectoria política de Castelao” (Villares, 2024)

Ramón Villares (Xermade, 1951) foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986- 1990), reitor da Universidade de Santiago de Compostela (1990-1994) e presidente do Consello da Cultura Galega (2006-2018). En 2005 foi galardoado co Premio Fernández Latorre e en 2018 co Premio da Cultura Galega de Proxección Exterior.

Da súa prestixiosa e recoñecida obra, podemos salientar Foros, frades e fidalgos (1982), Desamortización e réxime de propiedade (1994), Figuras da nación (1997), Historia de Galicia (2004, 2016), libro de gran suceso na historiografía galega; Fuga e retorno de Adrián Solovio (2006, 2007 e 2018), Identidade e afectos patrios (2017), Galicia. Una nación entre dos mundos (2019), Exilio republicano y pluralismo nacional: España, 1936-1982 (2021), Cultura e política na Galicia do século XX (2021) e Galicia e Portugal. Irmandade e fronteira (2023). En 2024 publicou Repensar Iberia. Del iberismo penin- sular al horizonte europeo. A versión portuguesa desta obra titulouna Composição Ibérica. Portugal e as Espanhas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email