
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia), obra que obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. Tamén foi nomeada pola AGE autora do ano en 2014.
En 2017 publica con Galaxia a novela infantil A pel do mundo, e en 2019 publica, tamén en Galaxia, a súa obra Carrusel que recibiu o Premio García Barros e o Premio da Crítica Española no mesmo ano. No ano 2020 gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol coa obra Illa decepción (Galaxia).