Comezamos cun tópico. Que supón para vostede recibir este premio?
Aínda que non só, escribimos na procura do lector. Recibir un premio que vén dos ollos de lectores apaixonados pola literatura é estimulante. Tamén o é polo feito de que alguén acollese a Emma Olsen fóra de Galicia. Pódese escribir desde o galego para todo o mundo, e que chegue a persoas que falan outra lingua. Iso é emocionante.
Semella que esta obra está a darlle moitas alegrías…
É así. Foi fermoso escribir este libro cando ninguén sabía que este libro existía, e é fermoso escoitar a cada un dos lectores. Nese sentido, ademais da boa acollida que recibiu dos lectores e da crítica, entusiásmome cando paso polos clubes de lectura e debato, ás veces con moita fondura, sobre literatura, perda, identidade, fracaso e destino, que son cousas das que fala a novela. Iso é un luxo.
Case se pode dicir que houbo unanimidade no xurado en distinguir o seu libro como o mellor. E xa van moitos premios. Ata que punto isto representa unha presión para seguir escribindo novas novelas? Porque agora hai que estar á altura desta…
Representa máis da que eu pensaba. A pantasma de Emma Olsen estivo moito tempo sobrevoando a mesa cada vez que trataba de afrontar proxectos novos ou avaliar a supervivencia de proxectos en marcha. Decateime, chegado un punto, de que escribía por oposición ao libro, algo que é absurdo. Agora coido que matei a pantasma e volvo escribir como fixen sempre, o que me apetece e o que sinto que me representa.
Con que vai sorprendernos Berta Dávila na súa próxima achega literaria?
Con outra novela. É o proxecto que máis me entusiasma agora. Non quero adiantar nada porque gardo con moito mimo o segredo do que escribo mentres a escrita está en curso, como fixen con Olsen. O único que podo dicir é que é un libro que me tocaba escribir, e ao que estou intimamente vencellada que, se cadra, xa é dicir demasiado.