Orgullosamente diversas. Lecturas para ampliar a mirada

Categoría: Nova

O 28 de xuño é unha data para celebrar, mais tamén para lembrar que a loita polos dereitos da comunidade LGTBIQ+ continúa. En Galaxia acompañamos esta causa con libros que nos axudan a entender outras realidades e a vivilas desde a empatía, a liberdade e o respecto. Historias que nos levan máis alá do binarismo, que rachan co molde imposto e que nos fan pensar sobre quen somos e como queremos vivir.

Estas son algunhas propostas para ler con orgullo, con curiosidade, con vontade de comprender, ao longo de todo o ano:

De óxido e diamantes, de Miriam Couceiro Castro.

Maia e Brianda son as protagonistas desta historia onde as pantasmas e as tormentas non veñen só do tempo ou do pasado, senón das emocións que non sabemos nomear. Unha novela íntima e poética sobre o amor entre mulleres, a memoria e os silencios que atronan. Un libro que, coma unha canción de Joan Baez, nos sacode en plena noite e nos leva da man ata o amencer.

As múltiples cores da vida, coordinado por María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo.

Un volume coral e necesario que aborda os retos actuais do colectivo LGTBIQ+ desde a investigación e o compromiso social. Aquí falamos de discriminación, violencia e exclusión, pero tamén de propostas, de esperanza e de transformación. Un libro que nos convida a educar desde o respecto e a construír unha sociedade máis xusta e diversa.

Extraordinario, XII Premio Narrativa Breve Repsol 2018, Premio da Crítica Española 2018; de Antón Lopo.

Un fillo regresa ao lado da súa nai despois de décadas sen falarse. Entre coidados, silencios e reencontros, emerxen as feridas do pasado e a necesidade de reconstruírse. Esta novela é unha viaxe pola identidade e polo amor en todas as súas formas. Un libro extraordinario.

Identidade, de Nee Barros.

Esta obra de teatro leva ao escenario unha historia de valentía e autenticidade, onde a identidade se abre paso entre prexuízos e ignorancia. Un canto á liberdade de ser un mesmo, sen filtros nin moldes impostos.

Xe, de Lara Boubeta Bamio, ilustrado por Sara Valcárcel.

Un neno ou unha nena. Ou quizais ambas cousas. Ou ningunha. Xe é misterio, é xogo, é liberdade. Esta fermosa historia ilustrada fala directamente á infancia (e a quen queira escoitala) sobre o dereito a non encaixar en etiquetas. Porque ser diferente non é un problema: é unha posibilidade.

Faro e o seu día importante, de Alfredo Blanco Martínez, ilustrado por Ana Santiso.

Hoxe Faro é o protagonista no cole. E conta coa axuda de Papá Alberte e Papá Alexandre. Un conto delicado e tenro que presenta unha familia diversa. Un conto no que gaña o amor.

Xoán, Xoana, de Francisco Castro, ilustrado por Elena Andrés.

Esta historia emocionante e combativa sitúa a protagonista no campo de xogo e fronte a unha sociedade que non sempre comprende. Un relato sobre a liberdade de ser unha mesma e o valor de atreverse a dicilo.

A receita do queixo lunar, de Paloma de Toro, ilustrado por Nuria Díaz.

Este álbum é unha oda á curiosidade e á diversidade, con dúas protagonistas que nos lembran que a amizade, e o amor, poden aparecer nos lugares máis inesperados. E que todas as receitas melloran cando se fan en compañía.

Desde Editorial Galaxia animámosvos a ler estas historias, compartilas e deixárvos tocar por elas. Porque a literatura é unha ferramenta poderosa para abrir os ollos, cuestionar normas e abrazar o mundo tal e como é: diverso, cambiante, múltiple.

Comparte nas túas redes sociais ou por email