Editorial Galaxia estrea, en conxunto con Nós Televisión, hoxe sábado 28 de xuño o documental ‘Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia’ na nosa canle de youtube, e tamén de Nós Televisión, xunto as plataformas de Nós Televisión en R (ás 21 h no dial 9) e Movistar Plus.
A peza audiovisual, producida por Nós Televisión en colaboración con Editorial Galaxia, percorre máis de sete décadas de historia editorial e cultural galega.
Filme documental
Dirixido por Ana Viqueira e Diego Frey, o filme está estruturado en catro bloques que abordan os momentos máis significativos da traxectoria de Galaxia: desde a resistencia cultural da posguerra e a renovación literaria das novas xeracións, até a profesionalización e os desafíos actuais como empresa cultural.
Persoas entrevistadas
A través de animacións, ficcións narrativas e entrevistas a figuras relevantes da cultura galega. Participan nas entrevistas voces de figuras fundamentais como Antía Yáñez, Antón Vidal Andión, Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo, Malores Villanueva, Marcos Calveiro, María López Sández, Patricia Arias Chachero, Ramón Villares, Tamara Andrés, Uxía Senlle, Víctor F. Freixanes, Xavier Alcalá, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras e Xosé Manuel Soutullo.
Este documental, de 52 minutos de duración, é tamén unha homenaxe ás persoas que fixeron posible este proxecto colectivo e unha reflexión sobre o papel da cultura na construción do porvir de Galicia.
Podedes ver o filme completo premendo aquí.
A partir de hoxe, 28 de xuño estará dispoñible en aberto para todo o público, na nosa canle de Youtube, ademais de na canle da Nós Televisión, e nas súas plataformas en R e Movistar+.