Marilar Aleixandre reconstrúe o silencio familiar na súa nova novela “As bocas cosidas”

Categoría: Nova

En As bocas cosidas, Marilar Aleixandre mergúllase nos silencios da súa propia familia para dar forma a unha historia sepultada durante décadas. A obra nace a partir dun feito real: en xaneiro de 2010, o pai da autora contou que lle pediran unha mostra de saliva para identificar un curmán soterrado nunha foxa, nun cementerio en Valencia. Era Antonio G., guerrilleiro comunista morto en 1947, do que nunca lles falaran. Sobre a guerra, as bocas estaban cosidas.

A novela reconstrúe a vida deste curmán descoñecido a través da documentación e da imaxinación, “desbridando a cicatriz”, desde a adolescencia en Doña Mencía (Córdoba), á súa participación nos Fillos da Noite —partisanos que loitaron entre 1936 e 1939—, pasando polos campos de concentración e pola longa guerra que seguiu á oficial.

As feridas familiares entrelázanse coas da historia colectiva: a fame, a represión, as penurias dos xornaleiros. Cun lirismo contido, Aleixandre dá voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera marcada polo peso da memoria e do esquecemento.

Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), feminista, narradora, poeta e membro da Real Academia Galega desde 2017, é unha das voces máis recoñecidas da literatura galega. Ao longo da súa carreira recibiu os principais galardóns literarios, entre eles o Premio Nacional de Narrativa, co que foi premiado a súa obra anterior, As malas mulleres (Galaxia, 2021), tamén distinguida co Premio Eduardo Blanco Amor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email