O xoves 26 de xuño celebrarase, a partir das 16 h, no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), na Coruña, o programa “Foros Grial Galicia 2025. Pensar cara adiante”, especializado no “Impacto social da ciencia e da tecnoloxía”, coordinado por Marilar Aleixandre e Sonia Villapol.
16.20 h. Xan López Saborido. “Estratexias experimentais fronte á crise climática e política”
Xan López Saborido é cooperativista; activista climático, membro do Instituto Meridiano de políticas climáticas e sociais e coeditor da revista Corriente Cálida. Escribe sobre economía política e crise climática na súa newsletter Amalgama.ghost.io, El País e elDiario.es. O seu último libro, El fin de la paciencia: Un ensayo sobre política climática (2025) trata sobre as formas de organización eficaces para facer viable a continuidade da especie humana e outras coas que compartimos a Terra.
Resumo: A peor crise da historia da humanidade, a crise climática, ocorre nun momento de enorme debilidade política para as forzas progresistas, froito da crise de organización na que levamos inmersos polo menos 30 anos. Nesta conxuntura impónsenos un novo obxectivo regulador de toda a política neste século —garantir a viabilidade ecolóxica da nosa especie— así como un posible novo estado de ánimo para un hipotético partido do clima: un consecuencialismo tan utópico como brutalmente pragmático.
17.00 h. José Manuel Andrade. “Desenvolvemento rural e ciencia”
José Manuel Andrade Calvo é director da Fundación Juana de Vega desde 2005, entidade dedicada ao desenvolvemento do medio rural en Galicia. É experto nos retos dos espazos rurais e nas principais actividades económicas do agro galego, participando en foros, cursos e seminarios, e realizou estudos sobre os sectores clave da economía agraria. Licenciado en Ciencias Empresariais, desde 2010 compaxina o seu labor na Fundación coa docencia no Departamento de Empresa da Universidade da Coruña.
Resumo: O relatorio abordará o labor da Fundación Juana de Vega no apoio ao desenvolvemento rural mediante a ciencia aplicada. Explicarase como actúa como ponte entre o coñecemento científico e os sectores produtivos rurais de Galicia, destacando proxectos participativos que integran a ciencia co coñecemento local para mellorar a competitividade, a biodiversidade e a xestión sustentable, sempre ao servizo das necesidades reais dos territorios rurais.
17.40 Pausa
18.00 h. Ángel Carracedo. “Os avances en medicina xenómica. Desde o proxecto xenoma humano ao proxecto xenoma Galicia”
Profesor de Medicina Legal na Universidade de Santiago desde 1989 e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia) desde 1997, impulsou a área de xenética clínica en Galicia, creando un centro que realiza a maioría das análises xenéticas do sistema público de saúde, cunha poboación de 3,5 millóns. A súa investigación céntrase na xenética de trazos mendelianos e complexos, especialmente en trastornos psiquiátricos. Coordina o proxecto IMPACT (ISCIII) e o grupo espello da Iniciativa Xenoma 1+M e participou en máis de 20 proxectos internacionais.
Resumo: Os principais campos de aplicación actuais da xenómica na Medicina inclúen as enfermidades de orixe xenética, moitas das cales son enfermidades raras, as mutacións somáticas asociadas ao cancro, o cancro hereditario, a farmacoxenética e o diagnóstico prenatal a través da análise de ADN fetal no sangue materno. Porén, a maior contribución da xenética á comprensión das enfermidades non vén só das mutacións raras, senón da variación xenética común na poboación. A variación común pode identificarse con estudos xenómicos amplos, que están a revolucionar a medicina actual especialmente na prevención das enfermidades.
18.40 h. Sonia Villapol. “A ciencia mide, a anticiencia opina. Medicina personalizada fronte á desinformación”
Neurocientífica no Texas Medical Center de Houston e profesora na Universidade de Weill Cornell en Nova York, é doutora en Neurociencia pola Universidade Autónoma de Barcelona. Nas súas liñas de traballo investiga o impacto da microbiota no cerebro, a nanomedicina en enfermidades neurolóxicas (alzhéimer, ictus, traumatismos cranioencefálicos) e os efectos da Covid persistente. Publicou máis de oitenta artigos científicos e é autora do libro ConSciencia. A Ciencia que nos rescatou da Pandemia ( 2023).
Resumo: Nun mundo saturado de información, a ciencia mantense como faro de rigor e evidencia fronte á anticiencia, que se limita a opinar e espallar desinformación sen fundamento. Mentres a primeira mide, comproba e progresa, a segunda alimenta teorías da conspiración que poñen en risco a saúde pública. A medicina personalizada, potenciada pola intelixencia artificial, representa un avance extraordinario cara a tratamentos adaptados a cada persoa. Pero para que este progreso chegue a todos, precísase unha responsabilidade colectiva: fomentar o pensamento crítico, reforzar a educación científica e apoiar a ciencia como alicerce esencial do noso benestar e futuro.
19.20 h. Debate e conclusións.
Podedes asistir ao foro de maneira telemática, a través da seguinte ligazón:
https://www.youtube.com/live/xdMYG0Vm8II