O Concello de Nigrán celebra esta semana un homenaxe ao escritor Alfonso Álvarez Cáccamo.
O escritor e profesor vigués(Vigo, 23 de outubro de 1952 – 4 de marzo de 2024) faleceu aos 71 anos de idade na cidade olívica.
Foi mestre e iniciou a súa obra literaria con textos destinados ao público infantil. Autor polifacético e sorprendente, procede dunha das familias máis literarias de Galicia. Neto, fillo, irmán e curmán de creadores, el mesmo foi un nome recoñecido da narrativa galega, como o demostra a súa cumprida bibliografía literaria e os premios que acadou. En 1988 obtén o Premio Café de Catro a Catro coa novela curta Peito de vimbio. En 1990 gañou o Premio Xerais con As baleas de Eduardo Reinoso, texto co que inicia unha liña de narrativa baseada no recurso do humor, liña que continúa na colección de relatos O eco de Ramallón (1992). Con Xente de mala morte (Galaxia, 1993), oito contos vencellados polo tema do suicidio e polo ton humorístico co que está tratado, resulta gañador do Premio Álvaro Cunqueiro; en 1996 acadou o Premio García Barros coa novela O espírito de Broustenac. En 2022, publicou na Editorial Galaxia O bosque de Levas, onde realiza unha actualización narrativa da historia volvendo empregar o recurso humorístico como forma de relativización e crítica da realidade; e en 2008, tamén en Galaxia, A revolución dos globos.
Colaborou en prensa en medios como Faro de Vigo e A Nosa Terra. Foi tamén o autor de dous libros de poesía, publicados por Espiral Maior, Na flor do vento (1999) e Sebes contra o vento (2009), e de varios relatos, así como de dous ensaios sobre a figura do seu pai. Tamén participou en numerosas obras colectivas como Abrir Vigo ó mar (1996), Escolma de familia (2000), Homenaxe a don Paco del Riego, fillo adoptivo de Nigrán (2003), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (2003), Xela Arias, quedas en nós (2004) ou Os aforismos do riso futurista (2016).
Cultivou o humorismo, a música, as artes plásticas, o amor e a amizade, estarricando a vida dende a súa fecunda creatividade e a infinita bonhomía polas que será lembrado.
Programa:
Ubicación: Auditorio Municipal de Nigrán.
O mércores 25 de xuño, ás 19:00 h, celebrarase a inauguración da exposición As querencias de Alfonso, dedicada ao autor Alfonso Álvarez Cáccamo. Coa intervención do alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, e membros da comisión organizadora.
Ás 19:30 h, terá lugar a palestra A literatura de Alfonso Álvarez Cáccamo. Moderada por Antón Mascato, editor.
Interveñen as escritoras e escritores, Manuel Forcadela, Gonzalo Navaza, Marga do Val, Xavier Queipo, Xosé Cid Cabido e Marta Dacosta.
A exposición das obras de Alfonso Álvarez Cáccamo poderá visitarse do 25 ao 28 de xuño, en horario de 18:00 a 22:00 h.
Xoves 26, ás 19:30 h, celebrarase a palestra Os mundos de Alfonso.
Introducirá o acto Carlos Méixome, escritor e historiador, e intervirá Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor e irmán de Alfonso Álvarez Cáccamo.
Venres 27, ás 19:30 h, celebrarase a palestra O humorista Alfonso Álvarez Cáccamo.
Moderada por Laura Lesta García, profesora do departamento de Estudos Luso-Hispánicos no Middlebury College de Vermont, USA.
Contará coa participación dos membros das revistas de humor Can sen Dono e Xó, Pepe Carreiro, Xosé Lois González “O Carrabouxo”, Lola Blázquez e Antón Mascato.
Ás 13:00 h terá lugar o acto de clausura das actividades, coa participación do alcalde de Nigrán, Juan González.