A Real Academia Galega vén de anunciar que o Día das Letras Galegas 2026 estará dedicado a Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014), unha autora que fixo do xornalismo e da literatura espazos de reflexión, compromiso e palabra colectiva. A decisión salda unha débeda coa súa figura, símbolo dunha escrita feminista e lúcida.
Caamaño desenvolveu unha intensa traxectoria como xornalista na Radio Galega, onde traballou desde 1989 nas seccións de cultura e sociedade. Antes diso, colaborou en medios como Radio Popular de Vigo, Radio Noroeste, a Axencia Galega de Noticias ou o xornal El Sol, e asinou artigos e reportaxes en cabeceiras como A Nosa Terra, Tempos, Novas da Galiza, Festa da Palabra, Silenciada ou DeLiberadaMente.
Debutou como narradora en 2009, xa na madurez, coa novela Circe ou o pracer do azul (Editorial Galaxia), onde ofrece unha relectura radical dos mitos da Odisea. A historia, articulada a través dunha relación epistolar entre Penélope e Circe, afonda nos afectos, o desexo e as posibilidades de sororidade fronte á figura dun home compartido. Un relato onde o mito clásico se transforma nun diálogo entre mulleres, cargado de interrogacións contemporáneas.
En 2012 publica Morgana en Esmelle (Editorial Galaxia), unha reescrita do ciclo artúrico que lle valeu os principais premios da narrativa galega: Premio da Crítica Española, Premio da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, Premio Antón Losada Diéguez e o Premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Nesta novela, Caamaño revisita os mitos de Camelot desde a voz de Morgana, explorando os dilemas da responsabilidade, a memoria, a culpa e o compromiso histórico, cunha ollada fondamente ética e literaria.
Con estas dúas obras, Begoña Caamaño deixou unha pegada singular na literatura galega; unha voz que tece razón e emoción, feminismo e mito, soño e realidade. O 17 de maio de 2026 será unha ocasión para celebrar a súa escrita, a súa mirada e o seu legado.