Nesta novela Begoña Caamaño relata o que nunca se contou da historia de Penélope e Circe, un dos mitos centrais da cultura europea.
Unha muller leva once anos agardando polo retorno do seu home. Cando comeza a temer a probable morte do marido, recibe a carta dunha estraña, unha muller misteriosa que a informa de que o seu home non está morto, senón que vive con ela un romance apaixonado. A partir de aí vaise tecendo unha relación epistolar entre as dúas; o home dunha e amante doutra acábase convertendo só no pretexto que vai unir para sempre o destino das dúas mulleres.
Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago 2014) foi xornalista. Traballou nas seccións de cultura e sociedade dos informativos da Radio Galega, emisora na que exerceu dende 1989. Antes traballou nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño El Sol. Colaborou en A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza, e foi autora de reportaxes e artigos nas revistas Festa da Palabra, Silenciada e DeLiberadaMente.