PREMIO DA CRÍTICA ESPAÑOLA AO MELLOR LIBRO DE NARRATIVA 2012
PREMIO AO MELLOR LIBRO DE FICCIÓN PARA A ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORES 2012
PREMIO ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ 2012
PREMIO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORES E ESCRITORAS EN LINGUA GALEGA AO MELLOR LIBRO DE NARRATIVA 2012
Logo do Ano Cunqueiro, Begoña Caamaño consegue propoñer unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda. Son os remorsos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida? Temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións? Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Na novela de Begoña Caamaño, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade.
Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot. Morgana en Esmelle é unha reflexión en torno á responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.
Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente?
Unha novela que reescribe o mito cunha ollada contemporánea
Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago 2014) foi xornalista. Traballou nas seccións de cultura e sociedade dos informativos da Radio Galega, emisora na que exerceu dende 1989. Antes traballou nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e en Radio Noroeste. Foi correspondente en Vigo da Axencia Galega de Noticias e do desaparecido xornal madrileño El Sol. Colaborou en A Nosa Terra, Tempos e Novas da Galiza, e foi autora de reportaxes e artigos nas revistas Festa da Palabra, Silenciada e DeLiberadaMente.