Onte, no cinema NUMAX de Santiago de Compostela, tivo lugar a estrea do documental Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, unha peza producida por Nós Televisión en colaboración con Editorial Galaxia, que percorre máis de sete décadas de historia editorial e cultural galega.
Presentaron a peza Ana Viqueira, directora do filme, e Xosé Soutullo, director de Editorial Galaxia.

Dirixido por Ana Viqueira e Diego Frey, o filme está estruturado en catro bloques que abordan os momentos máis significativos da traxectoria de Galaxia: desde a resistencia cultural da posguerra e a renovación literaria das novas xeracións, até a profesionalización e os desafíos actuais como empresa cultural.
A través de animacións, ficcións narrativas e entrevistas a figuras relevantes da cultura galega, Crear porvir ofrece unha mirada profunda sobre o papel da editorial como motor de identidade, modernidade e futuro. Participan nas entrevistas voces de figuras fundamentais como Antía Yáñez, Antón Vidal Andión, Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo, Malores Villanueva, Marcos Calveiro, María López Sández, Patricia Arias Chachero, Ramón Villares, Tamara Andrés, Uxía Senlle, Víctor F. Freixanes, Xavier Alcalá, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras e Xosé Manuel Soutullo.

Este documental, de 52 minutos de duración, é tamén unha homenaxe ás persoas que fixeron posible este proxecto colectivo e unha reflexión sobre o papel da cultura na construción do porvir de Galicia.
Podedes ver o trailer no pemendo aquí.
Proximamente estará dispoñible en aberto para todo o público, na nosa canle de Youtube, ademais de nas canles de Nós Televisión, R e Movistar+.
