Nun momento histórico para o fútbol coa celebración do Mundial, en Galaxia propoñemos vivir tamén esta paixón a través dos libros.
Cando xogar tamén é un acto de liberdade
Fóra de xogo, de José Luís Baños de Cos
En Kabul, Zainab, unha nena de dez anos, xoga ao fútbol ás agachadas despois das clases. Nese recanto do patio coñece a Sahraa, coa que compartirá a súa paixón e os seus soños, sempre coa ameaza de seren descubertas.
Ilustrado por Agustina Shuan e gañador do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Fóra de xogo narra unha historia de amizade e reivindica o dereito das nenas a través do deporte.
O fútbol para comprender un mundo hostil
O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira
Garrincha chegou a converterse nun dos mellores futbolistas de todos os tempos, malia que ninguén confiaba en que puidese conseguilo.
A súa historia acompaña o protagonista desta novela, que atopará no fútbol unha maneira de comprender o mundo, ás veces hostil, que o rodea.
Cando o fútbol é o único lugar no que respirar
Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly
Zangba ten 15 anos e vive en Bangui, na República Centroafricana. É orfo, deixou a escola e o fútbol converteuse no seu único osíxeno. Mesmo sen calzado e co estómago baleiro, no terreo de xogo pode vibrar e demostrar un talento que supera o dos demais.
Ese talento podería abrirlle as portas da selección xuvenil encargada de defender as cores do país. Mais, Zangba deberá enfrontarse a unha pregunta decisiva: como competir contra aqueles que contan con familias con cartos e poder?
Unha historia sobre o fútbol como espazo de liberdade, esperanza e resistencia, pero tamén sobre as desigualdades que existen máis alá do terreo de xogo.
As mulleres sempre formaron parte da historia do fútbol
Historia do fútbol feminino en Galicia. De Irene González a Vero Boquete, de Héctor Pena
Durante décadas pretendeuse presentar o fútbol como unha “cousa de homes”. Este libro desmonta esa idea e percorre a longa relación das mulleres co chamado deporte rei, marcada pola resistencia fronte aos numerosos intentos de afastalas da súa práctica.
Héctor Pena repasa a historia do fútbol feminino en Galicia desde os tempos da pioneira Irene González ata a xeración de ouro de Vero Boquete, Mari Paz Vilas e compañía, que comeza a deixar paso a unha nova fornada de talentos.
Un percorrido narrado cun estilo ameno e rigoroso, completado con entrevistas ás protagonistas e colaboracións que permiten coñecer as persoas, os equipos e as conquistas que construíron esta historia de resiliencia e sororidade.
O home que fixo do deporte unha paixón e unha profesión
Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez Iglesias
Xornalista, árbitro de fútbol, seleccionador nacional e galego e dirixente federativo. A traxectoria de Manuel de Castro González, coñecido como Handicap, permite achegarse aos primeiros pasos do xornalismo deportivo e á consolidación do fútbol en Galicia.
Nado en Vigo en 1885, foi un dos primeiros xornalistas deportivos de fama nacional, exerceu como cronista nos Xogos Olímpicos de Antuerpen, París e Ámsterdam e participou no nacemento do Real Club Celta de Vigo en 1923, froito da fusión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo.
Adrián Estévez Iglesias reconstrúe nesta obra a vida dunha figura fundamental para entender a historia deportiva galega: a crónica dunha paixón polo deporte.
Once voces para contar a emoción dun gol
O libro do fútbol, de VV. AA.
Unha rúa, un descampado, dúas porterías improvisadas e un balón. Para moitas persoas, o fútbol foi un dos grandes territorios da infancia: un espazo no que naceron alianzas, rivalidades, celebracións e lembranzas compartidas.
Recuperando ese espírito do xogo, O libro do fútbol reúne unha selección de once autores e autoras das nosas letras, o particular equipo de Galaxia, para poñer palabras á emoción e á paixón polo fútbol.
Unha antoloxía na que todos perseguen un mesmo obxectivo: o gol. Que soe o chifre do árbitro e que comece o partido.