A novela Nailía, de Loli Rodríguez Rodríguez, foi recoñecida co Premio Trevo de Narrativa en Galego 2026.
O xurado reuniuse o pasado 19 de xullo en Santiago de Compostela para realizar a votación final entre as cinco obras seleccionadas como as máis destacadas da produción narrativa galega de 2025. As finalistas foran escollidas entre un total de quince títulos.
Tras a deliberación e o reconto das puntuacións, Nailía resultou gañadora do certame. O xurado definiuna como “unha proposta literaria honesta e vigorosa, dotada dunha voz singular e dunha forza narrativa que reconcilia o lector co poder da palabra”.
A presenza de Editorial Galaxia entre as obras recoñecidas complétase con outros dous títulos: Son como glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez, acadou o segundo posto, e Vantaxes e inconvenientes de case todo, de Xosé Cermeño, foi a quinta clasificada.
Galaxia contou, ademais, cunha ampla representación entre as quince obras seleccionadas inicialmente polo xurado:
- Comandantes e familiares, de Xavier Alcalá.
- A vida a arder, de Abraham Pérez.
- Ensaios sobre o efémero, de Vítor Vaqueiro.
- O lanzador de coitelos, de Fernando Castro Paredes.
- Nailía, de Loli Rodríguez Rodríguez.
- Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez.
- Punto de araña, de Nerea Pallares.
- Vantaxes e inconvenientes de case todo, de Xosé Cermeño.
Nailía, recoñecida tamén co Premio Torrente Ballester 2024, é unha historia de amor, desamor, rancor, superación, esperanza e perdón. A súa protagonista, Lía, nai, avoa e coidadora, guía o público lector por un universo de mulleres diversas e personaxes vulnerables e entrañables, mentres loita por non perderse no camiño.
A entrega do premio celebrarase o venres 24 de xullo en Río Lagares, nun encontro arredor da literatura e da narrativa galega publicada durante 2025.