Premio García Barros 2025
Chamada por ese espírito do mar bravo e do vento que peta na porta de todas as casas, Ari chega a Camariñas, unha vila labiríntica que lle resulta estrañamente familiar, para encargarse do museo de encaixe e exercer como guía turística, sen saber aínda que as mulleres da localidade tomaron unha decisión que está a piques de mudalo todo.
Fartas do egoísmo dos homes anfibios e ausentes, donos das decisións e dos cartos, e de sosteren a voz de todos sen que teñan elas voz propia, as palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— acordan acabar con esa situación dun xeito drástico e perigoso: chamando polas arañas. Tres mulleres temibles, donas do océano e do encaixe, que conforman un goberno doutra orde ao que cómpre obedecer.
Punto de araña é unha novela mariñeira e coral, batida pola escuma das ondas que petan contra as rochas e tecida coas voces de tres xeracións de mulleres que se rebelan. Unha loa ás que tecen as redes invisibles que nos sosteñen; ás mans que, en silencio, entrelazan o mundo e ás mans das amigas, rede de redes.
(Lugo, 1989) é licenciada en xornalismo e máster en Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento pola Universidade Pompeu Fabra, cunha tese sobre as novas expresións escénicas da filosofía do absurdo. Desenvolveu parte dos seus proxectos narrativos ao longo da súa carreira, entre outras institucións, na Cité Internationale des Arts de París, no Centro de Investigação Artística Hangar de Lisboa e na Fundación Gala para Creadores Novos de Córdoba. Na actualidade traballa en Madrid coma xornalista freelance.
Como autora, deu ao prelo Sidecar (2015) e Los ritos mudos (2021). Os seus contos recolléronse nas antoloxías Ellas, las extrañas (2023), unha selección das escritoras de literatura insólita máis destacadas do panorama estatal, e Pena Negra (2022), e en revistas literarias como Casapaís, Quimera, Granta e Dorna, Expresión Poética Galega.
Foto da autora de Isabel Wagmann