Sofía Ruvira gaña o X Premio Illa Nova de Narrativa pola súa obra “Dos afectos, o río”

Categoría: Nova

En Vigo, a 21 de xullo de 2026, reuniuse o xurado do Premio Illa Nova de Narrativa nas instalacións de El Corte Inglés, colaborador do Premio no seu apoio á cultura galega. Compoñen o xurado Mar Mato, Cláudia Morán e María Quiroga. Exerce de secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia, Malores Villanueva.

Despois das oportunas deliberacións o xurado decide por maioría outorgarlle o Premio Illa Nova de Narrativa na súa décima edición ao texto Dos afectos, o río.

Aberta a plica cos datos da obra premiada a gañadora resultou ser Sofía Ruvira.

O xurado acorda conceder o premio á novela Dos afectos, o río por constituír unha obra de notable calidade literaria que se achega, cunha mirada fonda e sensible, ás diversas formas de violencia presentes na nosa sociedade. A novela trata non só a violencia estrutural que atravesa as relacións humanas, senón tamén a exercida contra a natureza, tomando como punto de partida un acontecemento histórico situado na vila de Allariz.

Salienta desta novela como se cuestiona a figura do heroe tradicional para poñer o foco nas historias e nas feridas silenciadas das familias e das comunidades, explorando a herdanza dun pasado que continúa a doer e que se transmite de xeración en xeración. A memoria convértese así nun dos eixes centrais do relato, condensada na afirmación de que «lembrar é un exercicio político», unha idea que articula a reflexión ética e narrativa da obra.

Destaca igualmente a construción dunha historia tecida a través de personaxes presentes, evocados e ausentes, na que o río se erixe tamén como protagonista simbólico e elemento vertebrador da narración. A novela afonda na relación íntima das personaxes protagonistas e explora con delicadeza os afectos, a perda e a vulnerabilidade, acadando unha intensa dimensión emocional.

O xurado valora especialmente un estilo de grande alento poético, que non renuncia á emoción nin á capacidade de conmover, cunha escrita de aparente sinxeleza mais de extraordinario coidado expresivo. Nesa lectura simbólica da obra conflúen, ademais, unha reivindicación da conciencia ecolóxica e da igualdade de xénero, así como unha reflexión sobre a precariedade laboral e outras formas de desigualdade contemporánea.

Por todo isto, o xurado considera que Dos afectos, o río é unha novela que combina excelencia literaria, profundidade temática e unha poderosa capacidade de interpelar o presente desde a memoria, converténdose nunha obra de especial relevancia no panorama da narrativa galega actual.

Editorial Galaxia, coa colaboración de El Corte Inglés no seu apoio á cultura galega, convocou a décima edición do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2026, para autores e autoras menores de 35 anos.

En 1957 Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao seu proxecto da editorial a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán e Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección, onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano chega súa décima edición.

Comparte nas túas redes sociais ou por email