Nova etapa en Editorial Galaxia co nomeamento de Tamara Andrés como responsable de Edicións

Categoría: Nova

Desde 2024 viña exercendo como responsable da colección de poesía Dombate e coñece desde dentro a editorial, ao ser autora da casa.

Este cambio coincide co traslado das oficinas á Travesía de Vigo 71, da cidade de Vigo, onde mantén o centro loxístico.

Este mércores 15 de xullo tivo lugar nas novas instalacións de Editorial Galaxia, na rúa da  Travesía de Vigo 71, de Vigo, o encontro de presentación de Tamara Andrés como nova responsable de Edicións, cargo que asume desde este mes de xullo. En conversa cos medios, Tamara Andrés estivo acompañada polo presidente da editorial, Antón Vidal Andión, e por Marcos Calveiro, tamén nomeado recentemente director de Galaxia.

Tamara Andrés (Combarro, 1992) é doutora en Tradución e Paratradución pola Universidade de Vigo. Esta autora pontevedresa leva unha precoz traxectoria como escritora e tradutora, que ata agora combinaba como docente na Universidade da cidade olívica. Coa vacante nesta posición, que deixa Marcos Calveiro ao acceder á dirección da editorial, Tamara Andrés convértese na primeira muller que acada este posto de responsabilidade, en solitario, achegando unha formación sólida e con experiencia tanto en Galicia como fóra dela.

Máis alá do seu perfil investigador e autorial, no eido editorial, Tamara Andrés realizou labores de tradución, corrección e revisión para distintos selos. Desde 2024 é responsable da colección de poesía Dombate, de Editorial Galaxia, selo onde publicou o poemario Corpo de Antiochia (2017), o álbum ilustrado Distancias (2020, con Marcos Viso) e Eu son de aquí e alá (2026), libro híbrido arredor da figura de Matilde Lloria. Entre as súas traducións máis recentes cómpre salientar unha antoloxía poética de Vicent Andrés Estellés (Premio 2024 de Tradución da Universidade de Vigo) e, xunto a Oriana Méndez, As iluminacións, de Arthur Rimbaud (2024, XXII Premio de Tradución Plácido Castro). Como editora, deu ao prelo, xunto con Ana Luna, No lindeiro do bosque. A tradución nos primeiros anos de Grial (Editorial Galaxia, 2025).

Este encontro cos medios celebrouse nas novas instalacións que Editorial Galaxia estrea no baixo da rúa de Travesía de Vigo 71, no mesmo edificio do seu centro loxístico, onde acubilla un almacén que distribúe a todo o territorio galego. Esta sede operativa é a terceira desde a fundación de Galaxia en 1950, na cidade de Vigo. En primeiro lugar foron as oficinas da rúa da Reconquista ata finais do ano 2006, para continuar durante vinte anos nas instalacións da  Avenida de Madrid 44, tras cumprir o seu 75 aniversario en 2025.

Comparte nas túas redes sociais ou por email