Editorial Galaxia publica Alaska, o novo poemario da autora vasca Castillo Suárez, un título que pasa a formar parte da colección Dombate, traducido por María Ramos Salgado.
En Alaska, a autora constrúe un universo poético no que o frío, a natureza e o paso do tempo dialogan coa memoria e coas relacións humanas. Servíndose da familia léxica do frío e evidenciando a súa condición de mamífera, toma o nome dun antigo hotel da N-I para poetizar arredor da transformación dos espazos e dos vínculos, nun intento de remendar o corazón.
A voz lírica destes poemas móvese entre imaxes de grande forza evocadora: flores que brotan da boca, glaciares que nacen das coxas ou siluros que atravesan o estómago, configurando unha obra de fonda carga simbólica e emocional.
Castillo Suárez (Atsasu, Navarra, 1976) é unha das voces máis representativas da poesía en éuscaro. Tras licenciarse en Filoloxía Vasca, traballa como técnica lingüística. Alén de asinar unha ducia de poemarios, é autora de obras dirixidas á cativada. Logo de ser incluída na antoloxía colectiva A ponte das palabras. Poesía vasca 1990-2000 (2001), en 2021 chegaba ao galego con Permanencia (trad. Isaac Xubín). É membro da Euskaltzaindia, a Academia da Lingua Vasca.