Decembro é un mes para compartir, para pasar tempo cos demais, pero tamén con nós mesmas. Que mellor maneira de amosar o noso agarimo aos nosos seres queridos que agasallando libros?
Ler é un exercicio excelente para conectar con outros mundos, outros puntos de vista e diversas miradas. Dende Editorial Galaxia, salientamos algunhas opcións, entre as moitas das nosas novidades, para ler ou agasallar durante estas datas:
70º NORTE, de Xaime Toxo. Nesta distopía fantástica, o autor, presenta o colapso social que acontece nas grandes áreas metropolitanas, indiferentes ao que non sexa o seu propio ritmo desaforado de desenvolvemento. Unha reminiscencia pandémica, na que unha praga contaxiosa leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición.
EVA E LUCY, de Cris Pavón. A autora comparte unha historia formada por camiños na evolución e camiños en Compostela. Migracións e peregrinacións, sendas que nos conduciron ás palabras e outras que nos fixeron calar. Un debullar nas biografías de antecesores próximos e remotos, unha pescuda da construción da identidade e da memoria.
OS AFOGADOS, Premio Illa Nova de Narrativa 2023, de Pablo J. Rañales. Unha distopía que leva á reflexión sobre as relacións humanas, a contorna e o medio ambiente. Esta é unha interante reflexión sobre a relación coa natureza e a viralización dos discursos de odio, ademais de relexionar sobre a función da ciencia e a paisaxe nas nosas vidas.
UN COMPROMISO CO ASOMBRO, de Rebecca Elson, traducido por Estíbaliz Espinosa. Publicada na colección Dombate de Editorial Galaxia, nesta obra única dunha voz sutil como materia escura, Elson gravita con perspicaz elegancia pola enfermidade, o espazo exterior e o íntimo, e déixanos un legado polímata: a física e o poema apelan por igual á nena que somos.
SOMOS HIP HOP. FUNDAMENTOS DO BREAKING, RAP, GRAFFITI, TURNTABLISM E BEATBOX, de Pablo Castiñeira Olveira e David Brey Vázquez. A través deste libro, descubriredes os fundamentos, trucos e segredos de cada unha das disciplinas que forman este movemento sociocultural, perfectamente ilustradas cunha ampla colección de imaxes orixinais.
As lectoras poderán acceder a diversos glosarios de termos, kit básicos de supervivencia, exercicios prácticos e todo tipo de trucos para saber como funciona esta arte en profundidade.
Esta proposta contén un código QR que permite a todas as lectoras e lectores acceder a contidos exclusivos e realidade aumentada en www.vellaescola.com.
Para a cativada, recomendamos os seguintes:
HERMILINDO ESBIRRA POEMAS, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero Pereira. Lectura recomendada a partir dos 10 anos. No mundo mecánico está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar un segredo: esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Unha historia fabulosa e imaxinativa que achega á cativada ao mundo das emocións e as palabras.
A PEQUENA KUNA, de Mercedes Pacheco, ilustrado por Vanesa Álvarez. Publicado na colección Libros para compartir, este álbum conta a historia de Lúa, unha protagonista feminina forte e moi curiosa. Situada na illa Mola-Mola, entre palmeiras, xoga a rapaza, de ollos grandes e escuros. A natureza é un elemento fundamental, xogando como acompañante, ao igual que as estrelas de mar, buguinas e cangrexos amigos.
Estas son só algunhas das moitas novidades interesantes que publicamos cada ano. En definitiva, libros para ler, para gozar, para sermos felices, sentir e coñecer o mundo.