Editorial Galaxia publica Groenlandia, Premio de Narrativa Breve Repsol 2023, de Fran Fernández Davila.
Publicada na colección Literaria, esta novela supón un mosaico literario de perfecto encaixe, construído a través da intriga, do humor e unha pasarela de personaxes que ficarán engaiolados nas illas dos Azores.
Groenlandia é unha novela plena e orixinal que abre dende unha aparente nebulosa para ir concretándose nunha serie de singulares personaxes. O autor, constrúe unha historia na que nada é o que semella e ninguén amosa unha soa cara.
Contextualizada en 1995, o ano da guerra do fletán entre Canadá e os pesqueiros galegos que traballan preto de Terra Nova. Un mariñeiro case moribundo é atopado nunha balsa salvavidas e levado ata as illas dos Azores, onde esperta sen memoria e, mentres reconstrúe a súa identidade, nun dilema entre a lealdade matrimonial e o amor pola enfermeira que o coidou, vese envolto nunha aventura chea de humor e intriga.
Os Azores, as súas paisaxes paradisíacas e o submundo volcánico e violento das súas bases son os protagonistas dunha novela que combina o estilo dos libros de viaxes coa literatura romántica, policial e de aventuras.
Durante esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.
Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é o fillo de Humberto, mecánico engraxador nun barco de pesca de altura, e Benilde, ama de casa, labrega e obreira nunha fábrica de conservas. Grazas ao duro esforzo dos seus pais e irmáns estudou enxeñaría, profesión que vén exercendo dende o ano 2000, deseñando e construíndo máquinas e instalacións que conxelen e conserven cousas. Gústalle viaxar, o café con natas, e bota de menos xogar ao fútbol cos amigos. Tocou o bombardino na banda de San Miguel de Oia durante dez anos e comezou a escribir en 2016 como terapia antiestrés. Dende entón, e ata este ano, gañou máis dunha trintena de premios, a metade de poesía e a metade de narrativa, o que o levou a múltiples publicacións colectivas e sete libros individuais, catro novelas, A senda de sal (Editorial Galaxia, 2017), Alana (2018),
O bosque do duque. ‘s-Hertogenbosch (Editorial Galaxia, 2022), Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas (2023) e os seus dous poemarios en solitario: Mover os marcos (2019) e koиpostєla (2023). Groenlandia é a súa quinta novela.
O Premio Narrativa Breve Repsol: 17 edicións impulsando a creación en galego
O Premio Narrativa Breve leva un labor de múltiples esforzos, asentados na unión de distintas entidades, foi creado no ano 2006 polo complexo industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No ano 2010, Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras i Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que publicou as anteriores obras gañadoras.
Esta edición foi a máis numerosa da súa historia, con 47 novelas curtas presentadas ao premio, que desde a súa orixe en 2006, contou coa participación de máis de 500 obras orixinais en lingua galega. O acto de entrega do Premio terá lugar na Coruña, hoxe, na Fundación Paideia.