Coa chegada dos Reis, dende Galaxia pensamos nos máis novos da casa, nas súas inquedanzas e nos mundos posibles cos que conectan a través da lectura.
Ler é fundamental para formar un pensamento crítico e navegar noutras xeografías e paisaxes posibles. Son moitas e moi variadas as lecturas que publicamos durante cada ano. É unha tarefa complicada facer unha síntese e subliñar algunhas delas; hoxe compartimos varias das nosas novidades enfocadas á infancia:
A RAMONA PEQUENA VAI Á LÚA, de Pakolas, ilustrado por Laura Romero Pereira. Un álbum publicado na colección Sonárbore que conta a historia da Ramona pequena. Unha aventura rockeira fantástica.
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos.
HERMILINDO ESBIRRA POEMAS, de Paula Señarís, ilustrado por Laura Romero Pereira. Lectura recomendada a partir dos 10 anos. No mundo mecánico está totalmente prohibido pronunciar palabras bonitas. Por este motivo, o protagonista, Hermilindo, debe ocultar un segredo: esbirra versos que lle saen do seu corpo de latón. Unha historia fabulosa e imaxinativa que achega á cativada ao mundo das emocións e as palabras.
SOBREMESAS SOBRE VERSOS, Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Raquel Castro, ilustrado por Diana Pastoriza. Lectura recomendada a partir dos 12 anos, amosa a historia de Uxía e a súa avoa Sica. A neta acompaña a avoa, elaborando sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade ou a infancia. Nestra travesía Uxía é testemuña da perda de saberes e recordos da avoa.
CANDO O AVÓ ESQUECEU O MEU NOME, Accésit Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022, de Rosalía Morlán, ilustrado por María Belén Rodríguez Pazo. Unha lectura resiliente, chea de valores, onde unha neta comprometida coa memoria do seu avó, colle a súa man para que non se renda e recupere as lembranzas agochadas que compartiron.
A BRIGADA IRIDESCENTE, de Elena Andrés. Unha banda deseñada enfocada a público infantil. Estas páxinas están ateigadas de humor e compañeirismo. Unha pandilla diversa de cinco amigos vivirá unha aventura, durante as festas de verán da súa vila, nos inchables da feira. Alí terán que idear a maneira de saír do labirinto que se forma dentro da atracción.
SENTINELAS DA LÚA CARMESÍ, de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande. Unha historia de fantasía, marcada polo misterio, a mitoloxía galega e os monstros. Dous mundos paralelos que cohabitan, o real dos protagonistas, e o fantástico dun bosque poboado de seres mitolóxicos.
A vida empeza cando deixas de soñar e comezas a recordar; así comeza esta historia, conformada pola épica, emotividade, humor e pinguiñas de terror adolescente; ingredientes fundamentais nesta proposta. Sentinelas da Lúa Carmesí, afonda na inmensa riqueza de mitos e lendas de tradición oral de Galicia, conectada coa mitoloxía celta.
Desexamos que pasedes unha feliz noite de Reis, ateigada de maxia e novas lecturas!