Aínda non sabedes que lecturas pedirlles aos Reis Magos? 

Categoría: Nova

Aínda non sabedes que lecturas pedirlles na carta deste ano aos Reis Magos? 

Dende a Editorial Galaxia compartimos algunhas ideas para axudarvos a procurar a lectura ideal para estas datas.

HOTEL CARIOCA, I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela, de Antón Riveiro Coello. Unha novela múltiple que, coma unha matrioska, contén outras novelas que van dende unha de formación a outra psicolóxica, pasando mesmo por unha policial. Cun estilo lírico, áxil e envolvente, Antón Riveiro aborda temas como a homosexualidade e a súa aceptación, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o fantástico e intuitivo mundo da creación artística.

Para os amantes da cociña recomendamos RECEITAS PARA ENCHER O PEITO, de Xoanqui Ameixeiras. Unha invitación a non esquecer os sabores da infancia, nin aqueles pratos que xuntaban a toda a familia arredor dunha mesa. Este libro defende o produto galego, e recende a afumados, a caldeirada, a mar e campo. 

Todas as receitas que comparte o cociñeiro galego están pensadas para a xente da casa, á que lle gusta cociñar e compartir. Baseanse en ingredientes de proximidade que se poden atopar nas vilas.

Se queredes saber máis sobre memoria histórica, recomendamos DE GALICIA A MAUTHAUSEN, de Alba Garrido. Unha proposta que procura dar luz sobre as orixes, contextos, traxectorias vitais e experiencias daqueles galegos que remataron nos campos de exterminio da Alemaña nazi, para que o seu doloroso transitar non quede no esquecemento, construíndo, ademais, unha base sólida para futuras investigacións, moi necesarias.

Unha lectura obrigada para coñecer máis a fondo a figura da protagonistas das Letras Galegas 2024, Luísa Villalta, é a de PENSAR É ESCURO; en edición e Armando Requeixo. Unha obra que recupera os catro títulos que a autora dispuxo en vida para a súa publicación: “Música reservada” (1991), “Ruído” (1995), “Rota ao interior do ollo” (1995) e “En concreto” (2004). Estes versos converteron a Villalta nunha das voces máis importantes da poesía galega do noso tempo e consagránona como unha creadora singular e inimitable.

Enfocado a público adolescente, salientamos PODER NON É QUERER, de Noela Rivas Cantelar. Esta novela supón un retrato da mocidade actual. A autora amosa con brío e fidelidade a xuventude sen ambaxes, tal e como é, pensa, desexa e actúa. Publicada na colección Costa Oeste e dirixida a público xuvenil, esta obra aborda a historia de Mariña; unha rapaza que esperta aos seus 17 anos nun hospital e non lembra nada do que pasou na tola festa do Samaín da noite anterior.

Para os máis cativos da casa, e amantes da música, recomendamos CADERNO DE CORES E CANCIÓNS, de Magín Blanco.

Este Caderno de cores e cancións é un diálogo entre as músicas, os instrumentos, as rimas e as sonoridades. Esta proposta, de Magín Blanco, é unha invitación a participar nunha viaxe onde as emocións son as protagonistas.

Sensibilidade e cor, son os elementos que caracterizan un traballo ateigado de valores, que convida ás lectoras e lectores a desfrutalo soas ou en compañía. Este álbum está pensado para que as nais e pais o compartan coa cativada, accedendo á fabulosa música de Magín Blanco a través dun QR que contén no interior.

E vós? Que lecturas pedides este ano?

Comparte nas túas redes sociais ou por email