Comezamos este novo ano cargados de ilusión e coa mirada posta no futuro. Un horizonte ateigado de novidades editoriais para todos os públicos e gustos.
Entre os moitos títulos que agardamos, imos abrindo boca coas seguintes cinco obras:
Contrabiografía, de Xabier López. Unha biografía á contra ou non. Un texto da estirpe dos híbridos, o motor desta obra é unha navegación río arriba, unha pescuda das orixes da memoria familiar, unha historia real con trazas de traxedia grega que busca e recrea pontes, rías, pasadizos e viaxes de ida e volta, do Golfo Ártabro a América.
Na colección Novela Gráfica, a adaptación a banda deseñada do clásico de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, unha obra de Iria Aldegunde debuxada con sentimento e bo pulso narrativo.
Para os máis pequenos da casa, na colección Árbore, O corazón das casas, de An Alfaya, a viaxe emocianal de Eli, a nena protagonista, nunha historia tecida cos fíos do real e do imaxinario na procura do talismán da amizade.
Na colección xuvenil Costa Oeste, A lista das cousas imposibles, de Laura Gonzalvo, Premio Carlemany 2021. A historia de Clara e de Guim. De Guim e de Clara. Unha historia de soños e realidades, de anhelos e de cicatrices. Unha historia na que será Clara, tras quedar Guim en cadeira de rodas tras un accidente de moto, quen viviría a vida que el imaxinara.
E finalmente a tradución de Aleksandr Dziuba de Doutor Zhivago de Boris Pasternak, que pasa por ser a obra máis mítica da literatura rusa do século XX. A inesquecible paixón entre Yuri Andréyevich e Larisa Fiódorovna baixo o estrondo desa vella Rusia imperial que se derruba leva cativado a milleiros de lectores e lectoras en todas as linguas, e agora por fin o fai tamén na nosa lingua.
Brindamos por un ano ateigado de novas historias, ao voso carón.