Galaxia afonda, a través da música, na biografía da familia Valladares

Categoría: Nova

A finais de xaneiro chegará A música dos Valladares. Retratos de familia, de Pablo Bernárdez e ilustracións de Hortensia Fernández. Esta obra pretende ser un repaso da vida e a obra de Marcial Valladares a través da súa música, quen recompilou melodías e coplas tradicionais que compartiu cos seus coetáneos, ademais dalgunha composición propia.

O século XIX foi para Galicia un verdadeiro “Renacemento cultural”. Na familia Valladares Núñez pódense sintetizar as inquedanzas artísticas e culturais da época: músicos, escritores, poetas, defensores e descubridores do galego como lingua culta, verdadeiros precursores e protagonistas do Rexurdimento.

Este traballo, que se publica coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, vén ser unha visita, a través da música, á Casa Grande de Vilancosta, na parroquia de Berres (A Estrada), da familia Valladares ao longo do século XIX. Esa música que, en partituras, moitas delas manuscritas, souberon preservar os herdeiros deste predio.

Cunha finalidade eminentemente divulgativa, o libro presenta textos alusivos á biografía dos compoñentes máis destacables desta familia ullá, e cada texto vai asociado a unha peza musical e a unha ilustración. Estas pezas musicais son accesibles mediante descarga a partir dun QR, tanto en en formato de audio, arranxadas e gravadas para a ocasión, como en PDF para as súas letras e partituras.

O xermolo deste libro parte do Proxecto Valladares, que o autor, xunto con Rubén Servide e Cibrán Seixo, inicia en 2021 para dar a coñecer a música da familia Valladares Núñez.

Esta obra completa as publicacións dedicadas á familia de Berres, xunto con Maxina ou a filla espurea, a primeira novela publicada en galego. En 2022, o Ministerio de Cultura recoñeceu a edición deste libro, como unha das mellores publicacións do ano na categoría de Facsímiles.

A edición, a cargo de Xesús Domínguez Dono, director de Produción de Editorial Galaxia, maquetada pola deseñadora Hayat Husein, que publicou a Editorial Galaxia é froito dun acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega.

A dixitalización do manuscrito foi realizada por Unayta.

Comparte nas túas redes sociais ou por email