Este venres 8 de xullo comeza a Festa dos Libros de Pontevedra, unha cita moi agardada para os amantes da literatura, na que estará presente a Editorial Galaxia. Será un encontro moi especial no que terá lugar un catálogo moi variado de actividades apoiadas pola editorial, para todas e todos.
A praza da Ferraría acolle esta fin de semana, entre o venres e o domingo, a quinta edición desta Festa. Para inaugurar a mesma, celebrarase o venres 8, ás 18 h, unha sinatura con Charo Pita, na caseta da libraría Nobel, arredor de Retratos en branco e negro.
Ás 20 h, terá lugar unha homenaxe a Domingo Villar; será un acto aberto no que o público poderá participar lendo un fragmento da obra do autor, ou contando algunha lembranza sobre o pai de Leo Caldas.
No acto, estarán a libreira Mercedes Corbillón, e as escritoras Tamara Andrés, Inma López Silva e Diego Ameixeiras.
O sábado 9, ás 11:30 h, a gañadora do Premio Illa Nova 2021, Sara Vila, estará asinando Oito días sen Eva Cortes, no stand da libraría Paz.
A partir das 12 h, podedes atopar a Diego Giráldez, asinando O meu sangue, no stand da libraría Nobel.
Haberá oferta para todos os públicos, pois, as máis miúdas tamén poderán achegarse ao stand da libraría El Pueblo, ás 12 h, para levar o seu exemplar de A caca Cuca, asinado pola autora Irene Alonso Gasalla.
Juan Parcero estará no stand da libraría Metáfora, ás 13 h, asinando A soidade selénica, a obra encarga de inaugurar a colección Ficción Científica de Editorial Galaxia.
Ás 18:15 h, tedes unha cita pendente con Arantza Portabales e Diego Giráldez. Celebrarase un encontro no que autora e autor falarán sobre libros, xéneros e referentes literarios, ademais de presentar as súas respectivas novelas, Sobrevivindo, e O meu sangue.
Moderará o encontro, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Para rematar o día, Portabales estará asinando Sobrevivindo, no stand da libraría Escolma, a partir das 19:30 h,
O derradeiro día da feira, domingo 10 de xullo, celebrarase, ás 13 h, unha sinatura arredor de Unha cervexa Chang, de Manuel Portas, na caseta da libraría Nobel.
Todas e todos os interesados poderán asistir, ás 18:15 h, a un encontro, con Cristina Pato, arredor da súa primeira novela No día do seu enterro. Conversará coa autora, a escritora e xornalista Ana Cabaleiro.
Poñendo o broche final á Festa dos Libros, estará Xosé Monteagudo, asinando Eternity, Premio Repsol 2021, ás 19 h, no stand da libraría Paz.
Agardámosvos nesta festa das letras.