6 títulos de Editorial Galaxia son recoñecidos pola OEPLI

Categoría: Nova

Un total de seis títulos de Editorial Galaxia foron seleccionados este ano no Catálogo de Literatura Infantil y Juvenil de España. Selección OEPLI 2023, unha escolma elaborada pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil xunto ás súas seccións territoriais, o Consejo General del Libro, ClijCat, Galtzagorri y Gálix, e en colaboración co Ministerio de Cultura y Deporte.

Nesta prestixiosa selección destácanse libros, recomendados a partir de 6 anos, como Daniel no peirao, de Paula Carballeira, ilustrado por Eli García, primeira obra de teatro sobre o intelectual rianxeiro; ou Voa, voa!, de Artur Trillo, ilustrado por Esteban Souto, unha obra que busca recuperar os ditos populares que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. 

A partir de 9 anos, destácase o libro Quéresme adiviñar?, de Antón Cortizas, ilustrado por Pepa Prieto Puy, fermosa obra de rimas a toda cor. Na mesma categoría, salientan a obra gañadora do V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, Teño un volcán dentro, de María Canosa. Nesta proposta, Miguel, o protagonista, é un rapaz con Asperger, que observa o mundo con ollos comúns pero cunha mirada diferente.

Na sección Xuvenil, A batalla de Rande, de David Braña, ilustrado por Pablo Prado. A través dunha investigación previa e documentación minuciosa, o dúo Braña e Prado conseguen trasmitir, con todo luxo de detalles, un dos feitos históricos máis relevantes da historia naval galega. Publicada na colección Costa Oeste, destacan tamén A dona de Auria, de Andrés Pombo Graña, unha obra que conxuga o Ourense fantástico coa descuberta dun antigo mal que está a piques de retornar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email