A Casa da Cultura da Pobra do Caramiñal acollerá no 30 de maio, ás 12.00 horas, a entrega do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro e a presentación da obra gañadora desta edición: Fóra de xogo, de José Luis Baños, ilustrado por Agustina Shuan. Esta actividade atópase ao abeiro da programación do Maio das Letras Galegas 2024.
Ao acto asistirán, ademais do propio autor, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; e a presidenta da A. C. Barbantia, María Xesús Blanco.
Fóra de xogo narra a historia dunha amizade, reivindica o dereito das nenas a través do deporte e os soños compartidos nunha situación discriminatoria e de desesperanza.
José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977). Licenciado en Antropoloxía Social, cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro, de A espera, de Titereficcións, e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro. Como dramaturgo, nos últimos anos obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo, o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia, o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura, o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas, o Premio Teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte, e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes.